
La Feira de Produtos Artesanais do Eixo Atlántico estreouse no Barco cunha completa mostra de produtos autóctonos para todos os padais e actividades para todos os públicos.
O acto inaugural estivo presidido polo alcalde do Barco, Alfredo García e por Isabela Andrade, da Comunidade Municipal de Tras os Montes. O primeiro edil, despois de dar a benvida a Isabela, agradecía aos produtores a asistencia. «Desde O Barco poñemos todo o noso interese para que vos, os produtores, deades a coñecer o voso traballo de todo o ano aos veciños do Barco, aos veciños da comarca e a todos os que nos visitan nestas datas», sinalou.

García facía fincapé na importancia do apoio aos produtores para que o rural funcione e veña xente a vivir- «É un pracer recibirvos estamos tremendamente agradecidos, sobre todo por poñer en valor o rural. É do que se trata e do que hai que falar aquí». Afirmou que o rural ponse en valor vivindo nel, traballando e «elaborando produtos extraordinarios que como di o secretario xeral do Eixo Atlántico non se atopan no Corte Inglés»
Resaltou a importancia que teñen este tipo de feiras para poder «probar, degustar e saborear este tipo de produtos para moitos descoñecido». E, desexou o esgotamento de existencias porque iso sería o mellor exemplo de que funcionou todo ben».
Pola súa banda, Isabela Andrade agradeceu a oportunidade que se lle estaba dando na feira aos produtos de Portugal. «Son tamén produtos tradicionais, rurais, e como dixo Alfredo hai que mobilizar istos produtos». Convidou aos presentes a probalos e a desfrutar de Tras os Montes.
A Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico celébrase na Praia Fluvial do Malecón os días 7 e 8 de setembro, con 22 casetas nas que expoñen e venden produtos procedentes das Terras de Tras-os-montes, Vila Flor, Pontevedra, Mirandela, Bragança, Valdeorras, Viana do Bolo, Manzaneda, Vilardevós, Cea, Miranda do Douro, Lugo, Viana, A Estrada y Ourense.
Entre a oferta presente na feira haberá queixo, mel, aceite, licores e embutidos de Galicia, de alta calidade e elaborados de forma tradicional en municipios do noroeste peninsular ubicados principalmente no rural. Entre os produtos dispoñibles na Feira haberá tamén doces típicos portugueses como os bolos, a torta de Viana ou os pasteis de nata.

Organizada polo Concello do Barco, conta coa colaboración do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular a través de liñas de axuda procedentes de fondos europeos que teñen como fin achegar iniciativas sostibles aos territorios rurais, co obxectivo final de fixar poboación neles.
Por mor das predicións meteorolóxicas a Feria de Produtos Artesanais do Eixo Atlántico e a JamFest cambiaron de ubicación, agora está no campo da festa.o horario é de 11:00 a 14:00 e desde as 17:00 ata 21:00 horas.
JamFest de Amava
A Feira do Eixo estará amenizada pola música da Asociación de Música Alternativa Valdeorras, na súa JamFest AMAVA que asolagará de son valdeorrés o campo da festa.
Un total de oito grupos actuará durante as dúas xornadas. Seis deles membros da Asociación, e dous colaboradores. «Virán Nemrock, da Coruña e cun estilo moi similar ao noso; e Navegando a Barlovento, que é máis coñecido aquí e leva uns anos parado, esperamos que volvan», contaba o presidente de AMAVA, Ramón Teira.
Haberá sesións vermú, unha noite de rock, un taller musical e comida para todos. «O sábado en horario vermú actuará Mrs. Fine, do que son batería; e Martiño cun só de guitarra. Xa pola noite teremos os concertos de Nemrock, O Patio de Leni, Navegando a Barlovento, Fendetestas, Seika e No-time». Unha noite moi completa