
O Barco viviu unha xornada de fonda carga simbólica para o cineclubismo galego. de celebración e memoria para o cine galego. No marco da XXXIV Semana de Cine, o Teatro Lauro Olmo acolleu o acto de entrega da Butaca de Ouro á Federación de Cineclubes de Galicia —Feciga—, recoñecemento que distingue cada ano a persoas e entidades vinculadas á difusión da sétima arte.

A cerimonia estivo conducida por un moi particular «Groucho Marx», encarnado polo actor Guti González, acompañado polo presidente do Cineclub Groucho Marx do Barco, José María Rodríguez.

Entre as autoridades presentes atopábase tamén a concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta, que subliñou a importancia de manter vivo un proxecto cultural que leva máis de tres décadas enchendo de cine o Valdeorras.

Un recoñecemento con historia
O presidente da Feciga, Manuel Precedo Barbeito, expresou a emoción de recibir esta distinción nun lugar tan simbólico: «Pensaron en nós para darnos a butaca de honra, que é unha tradición desta Semana de Cine do Barco. Ten un elemento moi especial, porque a reunión previa á creación da Federación, no ano 1974, celebrouse precisamente aquí, no Barco de Valdeorras, neste mesmo teatro, que daquela non se chamaba aínda Lauro Olmo».

Precedo lembrou que aquel encontro foi a semente do que hoxe é a Federación, que agrupa case todos os cineclubes galegos. «Estamos moi honrados de recibir esta butaca de honra. Sempre que se recibe un agasallo ou un premio, a satisfacción é compartida», engadiu.

O espírito cineclubista
O presidente fixo tamén unha reflexión sobre o papel que xogaron e xogan os cineclubes no tecido cultural: «Nacemos para ver películas distintas, que non se proxectaban nos circuítos comerciais. Os fundamentos non cambiaron: seguimos procurando dar imaxe e son a filmes que non terían cabida no cine de grandes masas».
Ademais, destacou o carácter altruísta destas asociacións: «O asociacionismo cultural é unha actividade voluntaria, onde a xente entrega o seu tempo libre para os demais. A verdadeira recompensa é que o público acuda, porque iso é o que alimenta o traballo e mantén viva a ilusión».
Rodríguez, presidente do cineclub anfitrión, recoñeceu que a homenaxe era tamén «unha débeda pendente coa Federación», sen a cal sería imposible coordinar a programación que chega a vilas, cidades e parroquias de todo o país.
Descuberta da placa
O momento central da cerimonia foi a descuberta da placa conmemorativa na butaca do teatro, que xa queda asociada á historia da Federación. Precedo compartiu a distinción coa secretaria da entidade, Yoli, a quen José María Rodríguez cualificou como «un piar fundamental para todos os asociados, a persoa que resolve os problemas do día a día».

Na súa intervención, Precedo insistiu no valor transformador do cine: «Creemos firmemente no poder cultural e social do encontro que se produce arredor dun cineclube: emocionarse, debater, gozar, compartir descubrimentos. Celebramos a unión de máis de corenta anos dun movemento cultural que participa en festivais, que difunde cinematografías diversas, incluída a galega, dentro e fóra do país».

Un libro para a memoria
A xornada completouse coa presentación do libro «Os trasnos da lanterna», do investigador Valentín Barreiros Bermejo, que ofrece un percorrido polo cineclubismo ourensán. O autor destacou que Ourense, O Carballiño e Valdeorras foron e seguen a ser focos de especial vitalidade: «Probablemente, son hoxe os cineclubes máis activos de Galicia, cunha programación continua e un compromiso que se mantén desde os anos oitenta».

Barreiros puxo en valor o papel histórico destes colectivos, lembrando que na provincia de Ourense chegou a haber máis de trinta cineclubs, «que mantiveron viva a chama do noso audiovisual e formaron xeracións enteiras de espectadores».

Paixón polo cine
A entrega da Butaca de Ouro á Federación de Cineclubes de Galicia foi, en palabras dos organizadores, un recoñecemento á paixón polo cine e á forza comunitaria dun movemento que leva décadas construíndo cultura desde abaixo.
«Os cineclubes son unha loita constante, pero tamén unha fonte de satisfacción», concluíu Precedo. «Celebramos a imaxe, a palabra e a música que se proxectan na pantalla, celebramos que os soños sigan a iluminarse cada vez que comeza unha sesión».