)
Cando o reloxo marca as tres… comeza a a Festa do Botelo. As tres en punto da tarde, como manda a tradición, as mesas volveron encherse de ganas, aroma e troula. Minutos antes, o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, animaba aos comensais cun rotundo «Estades preparados?», provocando sorrisos e máis dun estómago impaciente. O convite final foi claro e sincero: «Benvidos e disfrutade». E así comezou o xantar máis esperado do ano.
O xantar popular, prato forte da Festa do Botelo, reuniu nesta edición a 1.150 comensais, aos que se sumaron arredor de 150 convidados especiais. Entre eles atopábanse o exalcalde do Barco, Alfredo García, así como destacadas personalidades da política galega e provincial: o subdelegado do Goberno, Eladio Santos; o director xeral de Turismo, Xosé Merelles; o presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor; o delegado da Xunta, Manuel Pardo; ademais de alcaldes e concelleiros de toda a comarca, xornalistas e os integrantes dos cantos de taberna.

Nas mesas non faltou o imprescindible: botelo e chourizos, acompañados de cachelos e repolo, cun final doce e regado polos viños da terra: godello de Vinos Barco e mencía de Alan de Val. Unha combinación perfecta que confirma, ano tras ano, que a tradición tamén sabe evolucionar sen perder a esencia.

Entre risas e brindes deixouse espazo para as anécdotas, como a dun dos asistentes que celebrou o seu aniversario en plena festa, sorprendéndose cunha tarta e un coro improvisado cantándolle o cumpreanos feliz.

A xornada continuou coa música e o bo ambiente dos Cantos de Taberna, que tomaron o casco antigo e o Malecón entre as 19:00 e as 22:00 horas, prolongando a festa ata que o corpo aguantou. O broche final chegará o domingo 18, ás 20:00 horas, no Teatro Lauro Olmo, cun concerto íntimo e próximo de Maxín Blanco, pechando un programa cultural á altura dunha celebración que xa é símbolo do Barco.

Unha festa para lembrar, para saborear… e para volver.

