sábado. 20.04.2024

O Concello de O Barco aprobou requerir á Consellería de Educación que modifique o proxecto de construcción do novo pavillón do CEIP Julio Gurriarán para correxir erros e eivas no seu deseño. Tamén solicita un novo convenio para aclarar os custes da obra e a aportación final do Concello. Así o acordou a Comisión de Obras de forma unánime o pasado mércores 10 de agosto.

Hai uns meses a Xunta anunciou unha inversión de máis de 300.000€ para a construcción desta instalación, reclamada dende hai tempo pola comunidade educativa. Pero o proxecto e a proposta de convenio recibida no Concello de O Barco xerou o rechazo do goberno local. En primeiro lugar, polo plan de finanzamento, que plantexa unha aportación das arcas municipais de 150.000€ para cubrir os 348.000€ necesarios para facer a cuberta. Dende o Concello piden que se aclare no convenio que esa aportación sería a súa inversión total no proxecto, valorado en máis de 600.000€. Tamén piden que se aclare como se remataría o proxecto e con que partidas. O alcalde, Alfredo García, destacou que a aportación municipal é "moi xenerosa tendo en conta que un Concello non ten que investir neste tipo de infraestruturas". Tamén sinalou que exixirán que a cantidade non varíe se os custes do proxecto aumentan, e que se reduza se a obra é adxudicada á baixa.

Un deseño con eivas e mellorable

Ademais dos desencontros relativos á financiación, dende a Comisión de Obras municipal tamén destacaron problemas no deseño do pavillón detectados polo arquitecto municipal. Por unha banda, non se ten en conta a necesaria desviación dunha liña de media tensión que atravesa a actual pista deportiva. Tamén consideran que o límite co pavillón colindante debería retrasarse tres metros para evitar un paso estreito, e que os futuros vestiarios se cambien de sitio para non restar luz ás instalacións do centro, como o comedor e as aulas.

Outra das eivas do proxecto, segundo o Concello barquense, é que non plantexa a situación do Río Mariñán, pendente de que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil aprobe o seu encauzamento. O futuro pavillón está na zona de fluxo do arroio e non aparece como un factor a ter en conta. Segundo o alcalde "todo isto demostra que este proxecto redactouse sen ter en conta as circunstancias do lugar".

Detectan erros no proxecto do novo pavillón do CEIP Julio Gurriarán