sábado. 20.04.2024
WhatsApp Image 2022-10-17 at 11.38.15 AM (1)
Desvelan os cinco finalistas do premio de poesía Florencio Delgado Gurriarán

Este luns 17 de outubro foi unha intensa xornada relacionada coa poesía no Barco de Valdeorras. A seis días da celebración da gala do IV Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán difundíronse os nomes dos finalistas e os seus poemas, entre os que o sábado se desvelará o gañador ou gañadora. Son os seguintes:

  1. «Ancorar toda esta auga», de Beatriz Dourado (Barcelona, 1985)
  2.  «De tuin der lusten», de Fran Fernández Davila (Vigo, 1974)
  3.  «Antígona cantoume polas vosas voces», de Patricia Carballal (Arcade, 1978)
  4.  «Receita cromática para unha visión libremente entendida», de Ana Barja (Castro de Rei, 1987)
  5.  «Europa 2079», de Lois Pérez (Lugo, 1979)

Estas cinco obras foron as seleccionadas de entre as 174 que finalmente entraron a concurso. O faio do xurado, integrado por Cristina Pato, María Xesús Lama, Ramón Nicolás, Antía Balvís, Emilio Vega e Eilún del Pazo, a gañadora da anterior edición, será revelado na propia gala, que se celebra o sábado ás 20.30 horas no Teatro Lauro Olmo do Barco.

Na presentación das obras finalistas, Débora Álvarez, directora do proxecto As Letras de Florencio, celebrou a calidade dos textos recibidos e agradeceu o traballo e o entusiasmo do xurado durante todo o proceso. A concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, destacou que moitos dos finalistas son docentes o oue amosa «a paixón polas letras e pola lingua dende o sector educativo, o que é unha garantía de que hai futuro para a creación sendo un gran exemplo para as novas xeracións».

O Premio de Poesía é un dos fitos do ano de Florencio no que a comarca segue amosando unión e fortaleza. Así o resaltou Raquel Bautista, alcaldesa de Petín, durante a presentación, asegurando que: «Os Concellos de Valdeorras seguimos demostrando que estamos xuntos neste proxecto porque é o noso ano».

A presentación tamén acudiu Elva Delgado, familiar de Florencio, quen asegurou que as fillas do autor de Córgomo seguen con entusiasmo cada nova cita e o enorme recoñecemento que a figura de seu pai acadou neste 2022. 

Convivencia poética nos institutos

Para quecer motores de cara á gala do próximo sábado celebrouse, tamén este luns, un encontro entre alumnado de 1º de ESO e poetas gañadores ou finalistas de anteriores edicións. Eilún del Pazo, Jorge Moral, María Besteiros e Bea Saiáns falaron da súa experiencia creativa con alumnos e alumnas do IES Martaguisela, o IES Lauro Olmo e o Colexio Divina Pastora do Barco de Valdeorras.

somoscomarca_laruoolmo_divinapastora_martaguisela_Florencio_2022-10-17 (2)

Para preparar esta convivencia, xa se celebrara unha sesión previa na que se lles presentaron os seus versos convidando ao alumnado a identificar detalles como a idade de quen o escribira, a motivación, o estado de ánimo, etcétera. Hoxe, na conviencia, puideron resolver o misterio, poñerlle rostro a cada poema e tamén lanzar preguntas ás creadoras.

somoscomarca_laruoolmo_divinapastora_martaguisela_Florencio_2022-10-17 (1)

Cando comezaches a escribir? Que che inspira? Utilizas a música como ferramenta creativa? Fuches bo estudante? Que sentías ao escribir? Estas foron algunhas das cuestións que a rapazada lanzou ás poetas visitantes, que quedaron con gañas de saber máis sobre a pulsión creativa de quen lles escoitaba.

somoscomarca_laruoolmo_divinapastora_martaguisela_Florencio_2022-10-17

Jorge Moral, poeta local e primeiro gañador do Premio Florencio Delgado Gurriarán, convidounos a empregar a poesía como escape ou diálogo interno. Eilún del Pazo, gañadora da edición 2021 do Premio e xurado do actual, animou á crecación de revistas escolares, xa que ela mesma foi onde se estreou nas letras. Para María Besteiros, este tipo de iniciativas son a oportunidade de abrir conversas poéticas coa mocidade, e Bea Saiáns celebrou poder pasar un tempo coa rapazada nun evento que ademais de profundo foi divertido.

Desvelan os cinco finalistas do premio de poesía Florencio Delgado Gurriarán