O Descenso Popular enche o Sil de cor e ledicia en Sobradelo
A partir das 15.30 horas comezou a entrega de dorsais na oficina situada a carón do río, onde xa se sentía a ilusión e o ambiente festivo. Ás 16.30 horas, a técnica de Deportes do Concello do Barco, Kissy Torres, daba o pistoletazo de saída ao descenso máis animado do verán.
Lancha tras lancha, kayak tras kayak, as augas do Sil encheron de movemento e cor, acompañadas por disfraces orixinais e moitas ganas de pasalo ben. O obxectivo estaba claro: gozar do río, compartir sorrisos e celebrar esta festa acuática que cada vez suma máis adeptos.
Mentres se achegaba a hora do descenso profesional, previsto para as 18.00 horas, a festa non paraba. A chegada á meta, na zona do "Cachón", foi un novo punto de encontro para seguir celebrando. Alí, un DJ puxo música ata ás 19.30 horas, momento no que se fixo entrega dos premios aos mellores disfraces, recoñecendo a creatividade e o espírito festivo dos participantes.
O Descenso Popular do Sil consolidase como unha das citas máis esperadas do calendario estival. Un evento que mestura deporte, natureza e moita diversión, e que cada ano fai que máis persoas se lancen á aventura de vivir o río como unha verdadeira festa.