domingo. 15.06.2025

Convócase o VI Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán, cunha dotación de 3.000 euros

O certame, promovido pola Fundación Florencio Delgado Gurriarán e a Deputación de Ourense, mantén aberto o prazo de presentación de poemas ata o 29 de xuño
p_somoscomarca_20250424_obarco_teatrolauroolmo_presentacion_premiospoesiaflorencio
Convócase o VI Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán, cunha dotación de 3.000 euros

Aberto o prazo para presentar obras á sexta edición do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán, unha iniciativa da Fundación que leva o nome do poeta valdeorrés, co apoio da Deputación de Ourense. O certame está dotado con 3.000 euros para un único poema gañador.

As persoas interesadas poden presentar un máximo de tres poemas, sempre que sexan inéditos, escritos en galego, e teñan unha extensión de entre 15 e 50 versos. A temática é libre e o prazo remata o 29 de xuño de 2025.

A convocatoria foi presentada no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, escenario escollido tamén para acoller a gala de entrega do premio este ano. No acto participaron os membros do padroado Aurelio Blanco Trincado, así como as representantes da Fundación polos concellos do Barco e da Rúa, Margarida Pizcueta e María del Carmen Álvarez.

 

Durante a presentación tamén se deu a coñecer o cartel desta edición, realizado pola artista valdeorresa Patricia Fernández, coñecida como Lapitipintada, quen se suma así á lista de creadores locais que deixaron a súa pegada no certame en anos anteriores, como Eva Piay, Carina Rodríguez, Anxo Baranga, Roi Domínguez ou Iván Prieto.

As bases completas do premio e os formularios para participar están dispoñibles na web florenciodelgadogurriaran.gal. O xurado darase a coñecer nun prazo dun mes, e a deliberación prolongarase durante dous meses. Os tres poemas finalistas anunciaranse o 10 de setembro, mentres que a gala final será o 20 dese mesmo mes no Barco, cun programa que incluirá música e poesía.

O Premio Florencio Delgado Gurriarán naceu no ano 2018 e, desde entón, recibiu máis de setecentas composicións de autores e autoras de toda Galicia. Na última edición, celebrada no castelo do Bolo, o gañador foi Aleixandre Lago, nunha gala que congregou a máis de cincuenta persoas. A itinerancia do certame e da súa programación cultural pola comarca é unha das liñas estratéxicas da Fundación, co obxectivo de proxectar e fortalecer a lingua e a cultura de Valdeorras.

 

Convócase o VI Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán, cunha dotación de 3.000 euros