Conferencia a bordo dun tren revive a viaxe ao desterro de Castelao
Recreou o percorrido que en 1934 fixo o escritor rianxeiro desde Monforte para acompañar Alfonso Rodríguez Castelao na súa viaxe ao desterro en Badaxoz.
A Fundación Florencio Delgado Gurriarán celebrou este sábado unha conferencia moi especial a bordo dun tren, recreando o percorrido que en 1934 fixo Florencio Delgado Gurriarán dende Monforte para acompañar a Alfonso Rodríguez Castelao na súa viaxe ao desterro en Badaxoz.
Máis de trinta persoas participaron na actividade, organizada no marco das Xornadas Castelao e Valdeorras, escoitando aos historiadores Ricardo Gurriarán e Uxío-Breogán Diéguez, quen repasaron a relación entre Castelao e Delgado Gurriarán desde os primeiros contactos co galeguismo ata o exilio en México e Arxentina durante a posguerra.
Ricardo Gurriarán e Uxío-Breogán Diéguez repasaron a relación entre Castelao e Delgado Gurriarán a bordo do tren
O encontro recordou que Castelao e Florencio se coñeceron nunha asamblea do Partido Galeguista en Ourense en 1934, intensificando a súa relación durante a Guerra Civil e mantendo o compromiso co galeguismo no exilio. Tras cubrir o traxecto en tren, a xornada continuou no edificio multiusos do Barco con coloquio cos asistentes e a entrega dun facsímil do Estatuto de Autonomía de 1936, editado pola Asociación Galiza Cultura.
Os conferenciantes destacaron a singularidade da proposta. Ricardo Gurriarán afirmou que «é posible que sexa a primeira conferencia nun tren en marcha que se realizou no país», mentres que Diéguez sinalou que «foi o marco perfecto para falar dun contexto histórico moi relevante».
As xornadas rematan este domingo 5 de outubro cunha conferencia sobre Castelao artista a cargo de Pilar García Negro, ás 12.30 horas na Sala Abanca do Barco, acompañada dunha exposición temporal da obra gráfica e libros do autor conservados pola Fundación.