domingo. 15.06.2025

O Concerto das Letras Galegas homenaxea a Florencio Delgado Gurriarán e o exilio mexicano

A duodécima edición do Concerto das Letras Galegas repasou musicalmente o legado do homenaxeado e tamén lembrou a memoria das exiliadas e exiliados republicanos que, coma Florencio, pasaron de Galicia a México

O Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras encheuse no serán deste luns para homenaxear con música a un dos seus fillos pródigos: Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras, Ourense, 1903 - Fair Oaks, USA, 1987). A duodécima edición do Concerto das Letras Galegas, antesala festiva do Día das Letras que organiza o Consello da Cultura Galega (CCG), repasou musicalmente o legado do homenaxeado e tamén lembrou a memoria das exiliadas e exiliados republicanos que, coma Florencio, pasaron de Galicia a México.

O concerto supuxo a estrea da peza Diásporas, composta para a ocasión por Carme Rodríguez a partir dos textos de Galicia infinda, poemario referencial do autor. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; unha ampla representación dos concellos da comarca, entre eles, o alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, e o de Vilamartín, Enrique Álvarez; mais o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e a familia do homenaxeado asistiron a este concerto que tamén se emitirá na TVG este martes, 17 de maio, dentro da programación especial das letras galegas.

 «O legado de Florencio Delgado Gurriarán deita luz sobre un exilio non demasiado coñecido, o mexicano, no que se escribiu un capítulo non menor da historia europea» apuntou Dolores Vilavedra, membro do Consello da Cultura Galega, na presentación do concerto que xuntou no Barco unha nutrida representación da cultura e sociedade da comarca.

«No seu día, México deu ao mundo unha lección de afouteza ética e política ao acoller unha parte significativa do exilio republicano e galeguista cando outros países miraban para outro lado. Décadas despois, a vida e a obra de Florencio despréganse ante nós, cidadáns e cidadás dunha Europa privilexiada, como unha radical interpelación, no artístico e no moral, como o recordo inapelable de que segue a haber valores que é preciso defender e que todas e cada unha das conquistas da nosa civilización son perecedoiras se non poñemos a nosa intelixencia e o noso corazón ao seu servizo incondicional e ao de calquera ser humano que, como Delgado Gurriarán no seu día, se vexa obrigado a deixar a súa terra» engadiu.

Un concerto entre dous fíos

O grupo Zoar foi o encargado deste Concerto das Letras Galegas, para o que deseñou un programa centrado na figura de Florencio Delgado Gurriarán pero tamén no colectivo que formou parte do exilio mexicano. Comezou con “Zarabanda” de Adolfo Salazar (1890-1958), “Seis pezas pra canto e piano” de Jesús Bal y Gay (1905-1993), sobre textos de Amado Carballo, e “Muiñeira das vellas” de Rodolfo Halffter (1900-1987). Tres músicos, dous mexicanos e un galego, que se coñeceron en Madrid e que se reencontraron en México, onde seguiron colaborando, en particular na creación da revista Nuestra Música.

Completouse tamén con outras pezas que son unha chiscadela á cultura local, como é “Aureana do Sil”, de Federic Mompou, a partir dun texto de Ramón Cabanillas, e na que participou moi activamente o ourensán Antonio Fernández-Cid.

somoscomarca_obarco_concierto_asletrasdeflorencio_sr.jungles_feiraco_2022 (3)

O punto álxido foi a estrea absoluta de Diásporas, peza composta por Carme Rodríguez (Ribadeo, 1996), que partiu de catro textos do homenaxeado, “Xacarandá”, “Volta”, “Enamórame o feitizo do tesouro” e un extracto de Galicia infinda, para envolver ao público con ese soño da Galicia infinda da que falaba Florencio. Unha proposta contemporánea, na voz da soprano moldava Clara Jelihovschi Panas.

Uns rolos de papel descolgados desde o teito, deseñados por Ana Inés Jabares-Pita, as luces de Octavio Mas Ibáñez e as proxeccións de videoarte de Masako Hattori crearon unha atmosfera envolvente e suxestiva. O Concerto das Letras Galegas rematou, como vén sendo habitual, co público en pé cantando o himno galego.

Concerto das Letras Galegas

O Consello da Cultura Galega organiza desde o ano 2010 este concerto institucional que constitúe a antesala festiva do día grande das letras galegas. Comezou en Santiago de Compostela nunha edición que recuperaba a figura de Lois Pereiro. Volveu a esta cidade en 2013 con Roberto Vidal Bolaño e en 2019 con Antonio Fraguas. En Pontevedra realizáronse tres edicións, para lembrar a Valentín Paz-Andrade, Xosé Filgueira Valverde e María Victoria Moreno.

somoscomarca_obarco_concierto_asletrasdeflorencio_sr.jungles_feiraco_2022 (2)

O concerto estivo en Lugo no ano 2014 para lembrar a Díaz Castro, na Coruña no ano 2016 honrando a Manuel María e un ano despois foi a Ourense coa figura de Carlos Casares. Este mesmo ano tivo unha segunda edición en Santiago. A décima edición íase celebrar en Ferrol, pero a pandemia obrigou a mudar os plans iniciais e o concerto a cargo do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) emitiuse en directo en streaming desde o Auditorio de Santiago de Compostela. En 2021 o concerto tivo lugar en Vigo co hip-hop de Laura LaMontagne&Pico Amperio para homenaxear a Xela Arias.

Programación do Día das Letras Galegas 2022

O Concerto das Letras Galegas é unha das actividades centrais que o Consello da Cultura Galega prepara cada ano en relación coa persoa homenaxeada. Non é a única, xa que cada ano publica, en edición facsimilar, un texto relevante da figura elixida para a ocasión.

somoscomarca_obarco_concierto_asletrasdeflorencio_sr.jungles_feiraco_2022 (14)

Neste 2022, editou o Cancioneiro da loita galega, unha obra publicada polo Partido Galeguista en México en 1943 na que Florencio participa como autor e na que na tamén están un amplo grupo de poetas que escriben desde a clandestinidade. O libro de homenaxe conta cun estudo de Xesús Alonso Montero, que o definiu como “un corpus poético con textos elexíacos, patrióticos, de combate e de denuncia”, e unhas notas de Ricardo Gurriarán. Ademais, o Consello da Cultura Galega xunta nun web toda a información producida pola institución sobre Florencio e sobre o exilio mexicano (coa incorporación no Álbum de Galicia de diferentes entradas como a de Ramiro Illa Couto, a súa muller Chita Lamas Barreiro e moitos outros).

O Concerto das Letras Galegas homenaxea a Florencio Delgado Gurriarán e o exilio mexicano