O Alcalde do Barco, Alfredo García, presentou esta mañá á Comisión de Obras a proposta de convenio remitido polo Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (Adif), para a execución do proxecto denominado “Mejora de la permeabilidad del ferrocarril de la línea Palencia-A Coruña en el núcleo de O Barco de Valdeorras”.
Este proxecto, que será presentado ao pleno da Corporación do mes de novembro para súa aprobación, ten un orzamento de 1.055.403 euros. Trátase do proxecto para a creación dun novo paso inferior baixo a vía, á altura da rúa Xirimil (quilómetro 297+935) para o seu uso polo tráfico rodado, mentres que o actualmente en funcionamento será para uso exclusivo dos peóns.
De acordo co establecido no convenio, Adif asumirá a redacción do proxecto, contratación, dirección e execución das obras, así como a tramitación de todas as autorizacións administrativas necesarias. O concello, pola súa banda, comprométese a xestionar, no seu caso, a consecución e adquisición dos terreos que sexan necesarios para a realización dos traballos, así como de desenvolver as obras que sexan precisas para que este novo paso sexa usado unicamente polos vehículos, e o actual só polos peóns.
No que atinxe aos custos do proxecto, nos 1.055.403 euros de orzamento están incluídas, ademais da execución dos traballos, a redacción do proxecto e a dirección da obra. A financiación será ao 50% entre ambas administracións, polo que o Concello xa ten reservado algo máis de 500.000 euros nos seus orzamentos para este proxecto.
A nova infraestrutura se situará á altura da rúa Xirimil, paralela ao paso actualmente existente nesta zona, e que utilizan tanto vehículos como peóns. Será de uso exclusivo para vehículos, e terá unhas dimensións de 8 metros ancho por 3,10 de alto. Permitirá, polo tanto, facer dous carrís para que poda ser utilizado de xeito cómodo por todo tipo de vehículos, salvo camións.
O paso actual quedará reservado para uso exclusivo dos peóns, conseguindo deste xeito garantir a seguridade dos usuarios que cruzan dun lado a outro da vía e que agora teñen que utilizar o mesmo espazo que usan os coches.
Coa execución desta obra, que se espera poda ser unha realidade para o próximo ano, o Concello do Barco completará a permeabilidade da liña férrea no casco urbano, xa que este é o último punto que precisaba unha solución definitiva para mellora a seguridade da veciñanza con respecto á vía do tren, despois de lograr o paso soterrado que comunica coa Avenida da Deputación e o paso peonil da rúa Caleras.