sábado. 10.12.2022
portada

 

Traer un cine comercial a O Barco foi xa unha das intencións do equipo de goberno no pasado exercicio. No 2016 o concello barquense solicitara unha subvención á Xunta para acadar un proxector adaptado para cine comercial, pero esta foilles denegada.

Este ano, a concellería de cultura incluíu xa no presuposto, que se levará a pleno o próximo 16 de marzo, a cantidade de 50.000 euros destinados á adquisición dun sistema dixital de cine que permita proxectar cine comercial.

Tanto a adquisición do material, como a licitación, serán sacados a concurso. Polo tanto, unha vez se aprobe esta inclusión no próximo pleno, dende o concello será necesario que tanto secretaría como intervención preparen o prego de condicións para a saída a concurso. A concelleira de cultura, Margarida Pizcueta, sinalou que "acollerémonos ao modelo doutras localidades tan grandes como O Barco".

A intención é que o cine comercial empece a funcionar en O Barco neste ano 2017, pero, segundo a concelleira "son cousas que levan o seu tempo".

Pizcueta fixo tamén fincapé na "encomiable labor que está a facer o Cine Club Groucho Marx, que grazas a el temos cine, aínda que chegue con 6, 7 meses, ou incluso un ano de tardía con respecto ás estreas no cine comercial".

O proxector que existe na actualidade, malia a ter unha antigüedade de dez anos, funciona perfectamente, pero non se adapta ás esixencias da proxección de cine comercial, por iso é imprescindible facerse cun novo.

Para a concelleira de cultura, o cine comercial "é unha necesidade", tendo en conta que O Barco é unha localidade "bastante ampla en poboación e que atrae a veciños de localidades lindeiras", por iso, insiste en que "debe ter un  cine comercial".

O concello intentará que O Barco teña cine comercial este mesmo ano