O Concello do Barco súmase á concentración contra o xenocidio en Gaza convocada pola FEGAMP

O Concello do Barco súmase á concentración contra o xenocidio en Gaza convocada pola FEGAMP
A Praza do Concello acolleu un acto público con lectura de manifesto e minuto de silencio, reclamando o cesamento do conflito e o respecto polos dereitos humanos

Este venres, 19 de setembro, o Concello do Barco de Valdeorras sumouse á convocatoria realizada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para visibilizar o rexeitamento ao xenocidio que se está a cometer en Gaza. O acto, que tivo lugar na Praza do Concello, reuniu a veciños e representantes municipais nunha concentración simbólica que incluíu a lectura dun manifesto e un minuto de silencio en lembranza das vítimas.

A xornada comezou coa intervención do alcalde, Aurentino Alonso, quen expresou o posicionamento do goberno local:

“Desde o Concello do Barco rexeitamos firmemente o xenocidio que Israel está perpetrando sobre a poboación de Gaza, onde xa foron asasinados máis de 65.000 civís palestinos, entre eles máis de 17.000 nenos e nenas.”

Na súa intervención tamén denunciou o uso da fame como arma de guerra, o bloqueo humanitario e os bombardeos indiscriminados, calificando a situación como unha “violación masiva dos dereitos humanos”.

A continuación, foi Diana quen deu lectura ao manifesto remitido pola FEGAMP, no que se recollen demandas claras á comunidade internacional. Entre elas, destacan:

  • A esixencia ao goberno de Israel para que poña fin ao bloqueo humanitario de Gaza e permita o acceso libre á axuda internacional, baixo supervisión da ONU.

  • O cesamento inmediato e sostido do fogo por parte de todas as partes implicadas.

  • O cumprimento da opinión consultiva da Corte Internacional de Xustiza que declara ilegal a ocupación israelí de Gaza e outros territorios palestinos.

  • A liberación de civís retidos por Hamás e de palestinos detidos arbitrariamente por Israel.

  • A suspensión das transferencias de armas a todas as partes do conflito e o apoio ás investigacións da Corte Penal Internacional.

  • A condena clara de calquera intento de ocupación militar permanente ou desprazamento forzoso da poboación palestina.

O manifesto rematou cun chamamento á solidariedade, á condena do antisemitismo e da islamofobia, e ao respecto entre culturas e relixións. O acto pechouse cun minuto de silencio cargado de simbolismo.