
O verán cultural no Barco de Valdeorras xa está en marcha. A concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta, presentou onte en rolda de prensa no Concello a ampla e diversa programación cultural para os meses de xullo e agosto, que inclúe actividades para todos os públicos e gustos. A primeira cita chegou da man do ciclo De Perto, que iniciou a súa décimo terceira edición con Estefanía Surreira e os seus contos da vida e da morte, no marco incomparable dos xardíns da Casa Grande de Viloira.
Na presentación, a concelleira destacou que a programación deste ano se estende tamén ás festas do Cristo, rematando co Terrasón, cuxo programa específico será presentado nas vindeiras semanas. Entre as actividades previstas, haberá música, teatro, cine, narración oral e espectáculos infantís, coma o Diververán, que este ano aposta por un formato acuático como novidade, para aliviar a calor do verán.
Pizcueta subliñou tamén a colaboración con entidades como o Cineclub Groucho Marx —coas súas noites de cine—, a Xunta de Galicia, a través do programa Cultura no Camiño, e a Axencia Galega de Turismo, que subvenciona o Terrasón.
En canto ao ciclo De Perto, a concelleira salientou a súa aposta pola palabra cantada, contada e rimada, cun cartel que combina talento local e internacional. Así, pasarán polo ciclo artistas como Fátima Delgado, Joan Curiel, Simone Negreira (Italia), Soledad Felloza, Dani Blanco, a formación musical Ailá e Ítaca Teatro. Os espazos escollidos para os espectáculos inclúen enclaves especiais como o Mosteiro de Xagoaza, a Torre do Castro ou os propios xardíns da Casa Grande, lugares que achegan un ambiente íntimo e diferente para vivir a cultura.
Na entrevista realizada hai uns días en Radio Valdeorras Pizcueta sinalou: «O De Perto busca espazos non convencionais onde levar a cultura, e o público respóndenos cada ano con máis entusiasmo. É unha proposta máis tranquila, máis serena, para desfrutar sentados, escoitando historias, poesía ou música, nun entorno natural e relaxado».
O ciclo De Perto desenvolverase entre o 1 e o 29 de xullo con oito actuacións, e dará paso a unha segunda parte do verán chea de propostas musicais e festivas. A concelleira animou á veciñanza e visitantes a participar e desfrutar dunha programación “completa e de gran calidade”.