Clausura dos XXV Encontros Familia-Escola de Vagalume: 25 anos educando en positivo
O Teatro Lauro Olmo do Barco acolleu a clausura dos XXV Encontros Familia-Escola, organizados pola asociación Vagalume, unha cita xa histórica na comarca que este ano tivo un sabor especialmente emotivo: celebrábase un cuarto de século deste espazo de encontro, reflexión e aprendizaxe compartida entre familias e profesorado.
A clausura correu a cargo do recoñecido neuropsicólogo Álvaro Bilbao, que puxo o broche de ouro coa súa charla «Educar en positivo. Prepárales para la vida», unha intervención na que afondou na importancia de acompañar o desenvolvemento emocional e intelectual da infancia desde a firmeza afectuosa, evitando os extremos da permisividade ou do autoritarismo. Bilbao, que conta cunha longa traxectoria na divulgación educativa, recibiu nesta edición o Premio Vagalume Douro.
No acto estiveron presentes distintas autoridades que quixeron amosar o seu apoio a esta iniciativa. Entre eles, o presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor; a directora xeral de Innovación Educativa, Judit Fernández; e a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta —o alcalde do Barco, Alfredo García non estivo presente por coincidir o acto co pleno ordinario—.
O presidente de Vagalume Valdeorras, José Fernández, foi o encargado de conducir o acto de clausura. Na súa intervención, agradeceu aos presentes a súa asistencia e fixo unha sentida lembranza das persoas que fixeron posible esta longa traxectoria de vinte e cinco anos. «Quero agradecer a presenza dos membros da primeira xunta directiva: Marien, Teresa, Reme, Carmela, Mari Luz, Maite, Toño, Javier e lembrar a aqueles que nos deixaron dun xeito prematuro: Ricardo, Ana, Patere, Pepe Paradelo», afirmou. Tamén tivo palabras de agradecemento para as institucións públicas e entidades privadas que ao longo dos anos colaboraron para que estes encontros se consolidasen.
Fernández quixo destacar o espírito dos Encontros Familia-Escola como un espazo empático e transformador: «Estes encontros queren ser un exercicio empático con todas as persoas que nalgún momento da súa vida sufriron acoso escolar, trato inxusto por parte da familia ou da escola; con todas esas persoas que non tiveron unha oportunidade, un xesto de afecto, unha verba de ánimo, un “ti si que vales”». Rematou coa mensaxe de que «aínda que ninguén pode volver atrás e iniciar un novo comezo, calquera con axuda pode comezar de novo e artellar un novo final».
O presidente da Deputación, Luís Menor, fixo fincapé na súa traxectoria como docente para enxalzar a importancia deste tipo de iniciativas na detección de situacións complexas no ámbito educativo e familiar, definíndoas como exercicios de empatía con aquelas persoas que sufriron acoso escolar ou trato inxusto. Recoñeceu e agradeceu o compromiso de familias e profesorado por construír fogares e aulas emocionalmente seguras, e valorou o traballo de Vagalume por impulsar un novo paradigma educativo con dimensións sociais, culturais e tamén de saúde mental. Animou, ademais, a seguir fomentando a empatía e a dinamización como ferramentas para mellorar a sociedade.
Vinte e cinco anos de aprendizaxes compartidas
A edición deste ano, baixo o lema «Educando saudable-mente 2.0», reuniu a voces de primeiro nivel no eido da educación, a neurociencia e a saúde mental. O ciclo de conferencias arrancou cun chamamento á educación inclusiva e emocional, tal como se recolleu na apertura destacada por Somos Comarca, coa participación de Manuel Isorna, que puxo o foco na prevención desde a saúde emocional.
A psiquiatra Rosa Molina profundou nos microtraumas e as feridas invisibles que poden marcar a vida das persoas. Na súa charla, destacou como pequenos episodios de dor emocional poden influír decisivamente na personalidade e no benestar a longo prazo.
Un dos momentos máis destacados foi a participación do neurocientífico Xurxo Mariño, quen desmontou con rigor e humor algúns dos mitos máis estendidos sobre o cerebro e a aprendizaxe, nunha intervención que fixo as delicias do público e que tamén foi recollida polos medios.
Manu Velasco, mestre e escritor, apelou a «volver á esencia da persoa antes que aos métodos» e propuxo unha mirada máis humana, máis próxima, máis real á educación, centrada na relación antes que na técnica.
A conferencia de Rafa Guerrero, psicólogo experto en desenvolvemento emocional e apego, falou sobre as necesidades afectivas na adolescencia e o papel da escola e da familia na súa cobertura.
O testemuño de Iñaki Zubizarreta, ex xogador profesional de baloncesto e vítima de acoso escolar, foi un dos momentos máis impactantes dos encontros. Con honestidade brutal, compartiu a súa experiencia para visibilizar unha realidade que aínda persiste e que debe ser combatida dende a educación, a empatía e a prevención.
Finalmente, Álvaro Bilbao puxo o ramo a esta edición cos seus consellos para educar en positivo, destacando a importancia de acompañar aos nenos e nenas no seu crecemento cunha combinación equilibrada de cariño e firmeza.
Estes Encontros, nacidos como unha iniciativa local de Vagalume, mantéñense como un referente de formación e reflexión sobre o papel da familia e da escola na educación. Tal e como sinalou José Fernández, «non conseguimos exportalo máis aló de Monforte, onde Aula aberta traballa na mesma liña», mais cada ano consolidan a súa importancia en Valdeorras.
Co peche da edición número 25, Vagalume renova o seu compromiso cunha educación máis humana, máis consciente e máis empática, mirando xa cara ao futuro con ilusión e co convencemento de que, como dicía o neuropsicólogo Álvaro Bilbao, educar «non é ser permisivos, é axudar aos nenos a crecer con cariño e firmeza».