domingo. 01.06.2025

"Cine Muller" en O Barco cunha xornada de cine galego, diálogo e reivindicacións xuvenís

A proxección de As Neves e un coloquio con preto de 200 estudantes marcaron unha xornada de reflexión, visibilizando o papel da muller rural
somoscomarca_241017_obarco_mullerrural607
"Cine Muller" en O Barco cunha xornada de cine galego, diálogo e reivindicacións xuvenís

Por terceiro ano consecutivo, O Barco de Valdeorras celebrou o Día da Muller Rural cunha nova edición do "Cine Muller", unha iniciativa promovida polo Ministerio de Agricultura que busca visibilizar o papel da muller no ámbito rural a través do cine. Nesta ocasión, a actividade centrouse na proxección da película galega As Neves, un filme que realiza un retrato xeracional de mozos que viven en espazos que, malia parecer illados, poden semellar a vida en calquera outro lugar.

O evento contou coa presenza dunha das protagonistas, Andrea Varela, que se desprazou dende Santiago para participar no coloquio posterior á proxección. Preto de 200 alumnos, de entre 15 e 17 anos, dos centros educativos Lauro Olmo, Martaguisela e Divina Pastora asistiron á xornada, que superou as expectativas ao prolongarse durante tres horas en lugar das dúas inicialmente previstas.
 

somoscomarca_241017_obarco_mullerrural608

Antes da proxección, os alumnos realizaron un traballo preparatorio sobre a linguaxe cinematográfica e o significado deste tipo de eventos. Ademais, participaron activamente na organización, co voluntariado de varias rapazas que se encargaron de tarefas como a escenografía e a atención ás convidadas. O coloquio dividiuse en dúas partes: na primeira, centrouse no proceso de creación da película e na súa narrativa, mentres que na segunda abordáronse cuestións máis profundas sobre o retrato xeracional, os dilemas morais e a identificación dos asistentes coas temáticas tratadas no filme.

somoscomarca_241017_obarco_mullerrural605

A sesión tamén contou coa colaboración da Asociación Arela, que traballa con mozos en situación de risco no Barco dende hai dez anos. Jennifer e Sonia, dúas educadoras sociais da entidade, participaron no coloquio, enriquecendo o debate coas súas achegas.

O éxito da actividade foi evidente non só polo interese mostrado polos estudantes, senón tamén polas reivindicacións que xurdiron ao remate do evento, nas que os adolescentes expresaron a necesidade de melloras nos servizos públicos, como o arranxo do pavillón deportivo ou a creación de espazos de encontro para a mocidade.

"Cine Muller" en O Barco cunha xornada de cine galego, diálogo e reivindicacións xuvenís