
O centro de ensino Julio Gurriarán aproveita o Entroido para reivindicar o pavillón

O tema de este Entroido 2017 do colexio Julio Gurriarán de O Barco eran os deportes. Aproveitando esta temática, o centro de ensino reivindicou, unha vez máis, a construción dun pavillón para o seu alumnado.
Para apoiar esta petición, achegáronse ata o Julio Gurriarán deportistas da comarca, dende nadadores e atletas do club ADAS O Barco, ata karatekas valdeorreses.
A dirección do centro organizou esta mañá unha marcha solidaria e ás 12:00 horas os deportistas deron unha pequena charla para todos os nenos e nenas, xunto coa ANPA e o Consello escolar reivindicando a construción dun pavillón. Para rematar, a ANPA preparou unha festa para os nenos do centro cunha chocolatada e uns bonecos como agasallo para os cativos.
Tanto persoal do colexio, como pais e alumnos levan máis dun ano solicitando a construción dun pavillón polideportivo que conte con calefacción, vestiarios, baños e luz e que permita que os máis pequenos non teñan que desprazarse ao pavillón municipal para utilizar o salón de usos múltiples. Alegan, ademais, que perden 20 minutos de clase neste desprazamento.
Unha protesta máis, que se suma a todas as anteriores. A última foi unha petición que os alumnos fixeron aos reis magos e que non obtivo resposta.
Cabe recordar que a consellería remitiu fai uns meses un proxecto ao concello de O Barco para construír un pavillón e financialo entre ambas entidades. Sen embargo, ao concello barquense non lle gustou o proxecto de obra, porque, segundo o propio concello, limitábase a construír unicamente unha cuberta. A proposta barquense mantén a aportación municipal que estableceu Educación: 150.000 euros. O que si variou foi o presuposto total, que pasou a un total de aproximadamente 600.000 euros. No que a gastos de mantemento se refire, serían asumidos polo concello de O Barco, coa única excepción dos gastos de calefacción.