
O Centro Comercial Aberto presenta a Campaña do Día da Nai

O Centro Comercial Aberto Barco presentou esta mañá en rolda de prensa as campañas do Día da Nai, da Feira de Abril e a dos Maios, que terán lugar nos vindeiros días.
Con motivo de incentivar as compras e celebrar o Día da Nai o vindeiro 7 de maio, o CCA premiará aos clientes dos establecementos asociados con lotes de regalos compostos por produtos e tratamentos de beleza.
Para participar neste sorteo será necesario cubrir as tarxetas que serán entregadas coas compras realizadas en calquera establecemento asociado entre os días 25 de abril e 7 de maio. As bases de participación poden consultarse na oficina do CCA ou ben a través deste enlace.
Na rolda de prensa, levada a cabo pola presidenta do CCA, Sandra Moldes e a vicepresidenta, Ángeles Rodríguez, presentaron tamén outras dúas campañas: a da Feira de Abril 2017 e a dos Maios.
Por unha banda, os días 28 e 29 de abril terá lugar unha nova edición da Feira de Abril de O Barco. Os establecementos de hostalería da localidade, integrados en AEVA e CCA, decorarán os seus negocios con motivos que recordarán a esta festividade andaluza, ofrecendo ademais pinchos e produtos típicos do sur de España, como pescado frito ou gazpacho. Os locais que participan son: Tapería Al Natural, 13/14, Bar a Cova, Café Bar Divino Paseo, Vinum, Piquiño Restaurante, Café Bar Principal e Cafetería Fernando III.
Por último, Moldes recordou, que como veñen facendo dende hai uns anos, o CCA, coa colaboración da Concellería de Cultura de O Barco, organizan unha nova edición da festa dos maios, que terá lugar o vindeiro día 1 de maio a partires das 10:30 da mañá na praza do concello. Haberá polbo, postos de venda de artigos artesáns, produtos gastronómicos e de música, premios e agasallos. Unha vez que todos os maios estean instalados na praza do concello, os asistentes poderán avhegarse á mesa do Centro Comercial Aberto e votar polo maio que máis lle guste mediante o voto popular. O premio será un vale de 150 euros para gastar en calquera establecemento asociado ao CCA.