Concentración na Praza do Concello do Barco «contra o militarismo, a OTAN e a guerra»
A protesta no Barco enmárcase nunha xornada de mobilizacións simultáneas en máis de 30 localidades galegas
Arredor de catro decenas de persoas concentráronse este martes na Praza do Concello do Barco de Valdeorras baixo o lema «Contra o militarismo, a OTAN e a guerra. Galiza pola Paz».
Durante a mobilización, as persoas asistentes berraron diversas consignas reivindicativas como «Bases fóra. OTAN non», «Se hai que recortar que sexa o gasto militar», «Non é unha guerra, é un xenocidio» ou «Onde están que non se ven as accións a Israel».
O acto continuou coa lectura dun manifesto no que se fixo un chamamento á mobilización social fronte aos conflitos internacionais e ás políticas que, segundo denunciaron, favorecen a escalada bélica.
«Vimos hoxe a esta praza porque, mentres a agresión contra o Irán continúa e se multiplica en agresións tamén contra o Líbano, o Iemen e a Palestina toda, e se multiplica en dirección á América Latina e ao Caribe, somos os pobos —o pobo galego que sempre sabe colocarse do lado certo da historia— os que nos temos que mobilizar para berrar ben alto que non queremos agresións», sinalaron.
No texto tamén se puxo o foco no papel das potencias internacionais e no que cualificaron como un «debate falso» arredor do estreito de Ormuz. «O problema non é Ormuz! O problema é o imperialismo e as súas guerras», recollía o manifesto.
As persoas convocantes advertiron ademais das consecuencias globais destes conflitos, tanto nos territorios directamente afectados como noutros lugares do mundo. «Ali padecen morte e a destrución material das condicións de vida. Aquí padecemos as súas guerras con subas de prezos e cortes de comercio», indicaron.
Finalmente, reclamaron unha paz «real e global», baseada na igualdade entre os pobos e no respecto á súa soberanía. «A paz que esiximos non é a paz dos caladiños e caladiñas nin a paz que agarda a seguinte guerra», concluíron.
A concentración no Barco enmárcase nunha xornada de mobilizacións desenvolvidas en máis de 30 localidades galegas baixo o mesmo chamamento pola paz.