O BNG propón recuperar o Salgueiral e a marxe dereita do Sil no Barco
Segundo denuncia o voceiro do BNG, Manuel Agra Villar, a zona recreativa do Salgueiral, creada no ano 1997 baixo o mandato de Julio Gurriarán, presenta actualmente «un aspecto de abandono»
O BNG propón recuperar o Salgueiral e a marxe dereita do Sil no Barco
O grupo municipal do BNG no Barco de Valdeorras presentou unha moción para levar a cabo, a curto prazo, actuacións de mellora no Salgueiral e na marxe dereita do río Sil. Aproveitando a recente aprobación do proxecto da senda verde de Viloira, os nacionalistas consideran que é o momento axeitado para actuar sobre dous espazos deteriorados que no seu día foron lugar de encontro e lecer.
Segundo denuncia o voceiro do BNG, Manuel Agra Villar, a zona recreativa do Salgueiral, creada no ano 1997 baixo o mandato de Julio Gurriarán, presenta actualmente «un aspecto de abandono»: merendeiros cubertos de maleza e en mal estado, bancos rotos, un estanque en desuso, camiños con moita pedra e áreas de xogo inutilizables.
A moción propón eliminar os merendeiros deteriorados e conservar os que poidan ser acondicionados, suprimir o areeiro de fútbol e renovar o de vólei praia para o seu uso no verán. O BNG suxire converter este espazo nunha pequena zona chill out con actividades como concertos, ioga ou pilates, e mesmo instalar unha rampla half pipe de skate sobre o estanque.
Recreación zona Chill- Out
No que respecta á marxe dereita do Sil, entre a pasarela e as piscinas, os nacionalistas propoñen limpar os accesos por Abdón Blanco e Pescadores todos os días, aumentar a iluminación, retirar bancos rotos e substituír o merendeiro en desuso. Tamén avogan por instalar un aseo autolimpable no malecón no caso de que non se poida reabrir o xa existente. A moción será debatida no pleno do Concello.