O Barco de Valdeorras, o val do pobo prerromano dos guigurros

O Barco de Valdeorras, o val do pobo prerromano dos guigurros
 A campaña 'Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra' chega esta tarde de xeito telemático ao Barco de Valdeorras. A cita poderá seguirse, a partir das 15:40 horas de hoxe

A campaña de divulgación da toponimia galega Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, coordinada pola Real Academia Galega coa colaboración da Xunta de Galicia, chega hoxe ao Barco de Valdeorras.

Será nunha sesión telemática que se emitirá, a partir das 15:40 horas de hoxe, dende a canle de Youtube da Real Academia Galega e o portal Toponimia de Galicia, e que será seguida en directo polo alumnado e o profesorado do IES Lauro Olmo e do IES Martaguisela, e mais as persoas que se acheguen ao Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras.

O público aprenderá a orixe e o significado de distintos nomes de lugar deste concello ourensán e como funciona a plataforma colaborativa de recollida da microtoponimia Galicia Nomeada.

Ata o momento, no Barco xa foron recuperados máis de 200 microtopónimos a través de Galicia Nomeada grazas ao labor de varios colaboradores, como o profesor Xabier Roo e o técnico municipal de cultura Gustavo Docampo. O coordinador da unidade técnica de toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, Vicente Feijoo, procurará na charla de hoxe, entre a rapazada e as persoas adultas, novas e novos gardiáns que sigan a incrementar os nomes de leiras, fontes, devesas ou veigas do concello incorporados a este espazo concibido para preservar un patrimonio cultural inmaterial de valor incalculable.

A charla continuará coa parte dedicada á orixe e o significado de distintos topónimos, que conta coa colaboración do académico electo Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo, e que comezará polo propio nome do concello. O primeiro dos elementos que forman parte del, barco, levou ao imaxinario popular a crear diferentes lendas sobre a existencia dalgunha embarcación desde a época romana na beira do río Sil; o lugar do Porto da Barca no punto onde se supón que cruzaba o barco entre a capital e Viloira (que existiu ata 1902) reforza a idea de que o nome O Barco facía referencia a unha embarcación que servise para cruzar o río. Outra tese, en cambio, sostén que a forma barco pode proceder dunha partícula prerromana *barg- ou *barc. co significado de "depresión fluvial ou concavidade". Canto ao segundo dos elementos, Valdeorras, fai referencia ao Val dos Guigurros, en referencia ao pobo prerromano localizado nesta parte de Ourense.