miércoles. 13.05.2026

O Barco e Monforte únense para impulsar o enoturismo e combater o despoboamento

A candidatura, coordinada polo Eixo Atlántico, busca captar dous millóns de euros para desenvolver iniciativas ligadas á innovación, á prevención de incendios e á recuperación de espazos industriais
somoscomarca_obarco_viladocastro_panoramica783 (3)

O Barco de Valdeorras e Monforte de Lemos traballan xa nunha candidatura conxunta a un Programa Europeo de Accións Innovadoras cun proxecto que pretende converter o enoturismo, a prevención de incendios e a fixación de poboación en motores de desenvolvemento para os territorios de interior.

A iniciativa está coordinada polo Eixo Atlántico e foi abordada nun encontro celebrado este martes nas oficinas da entidade en Vigo. Na reunión participaron o alcalde do Barco, Aurentino Alonso; o alcalde de Monforte, José Tomé; o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán V. Mao; así como representantes da Universidade de Vigo e do Instituto Politécnico de Viana do Castelo.

O proxecto busca articular unha estratexia común arredor de tres grandes retos compartidos polos territorios do interior: o desenvolvemento dun enoturismo sostible, a loita contra os incendios forestais e a creación de oportunidades que permitan fixar poboación.

Nesta proposta, a Universidade de Vigo e o Instituto Politécnico de Viana do Castelo asumirán un importante papel técnico, apoiándose na experiencia acumulada en proxectos anteriores relacionados coa prevención de incendios, o turismo policéntrico e a valorización do turismo de autor en Galicia e no norte de Portugal.

Un dos piares fundamentais da candidatura será ademais a recuperación de edificios industriais actualmente en desuso para transformalos en espazos multifuncionais destinados á innovación, á formación e á dinamización socioeconómica.

A idea pasa por crear un punto de encontro para iniciativas vinculadas ao sector vitivinícola, á xestión forestal preventiva e á busca de novas fórmulas para atraer e manter poboación no rural.

O Eixo Atlántico actuará como coordinador dunha candidatura que aspira a captar ata dous millóns de euros de financiamento europeo para impulsar os distintos proxectos plantexados polos socios participantes.

O Programa Europeo de Accións Innovadoras, ao que optan ambas cidades, conta cun orzamento global de 60 millóns de euros na súa convocatoria de 2026 e está pensado para financiar proxectos piloto capaces de ofrecer solucións innovadoras a desafíos urbanos e territoriais complexos.

A convocatoria actual pon especial atención nas cidades pequenas e medianas e nas iniciativas relacionadas coa sustentabilidade, a innovación local, a transformación dixital e a inclusión territorial.

O Barco e Monforte únense para impulsar o enoturismo e combater o despoboamento