jueves. 18.04.2024
somoscomarca_23_1025_obarco_inundacion_arroyomariñan (3)
O Barco e CHMS investirán 2.350.000 euros na mellora da rede de saneamento

O Concello do Barco de Valdeorras e a Confederación Hidrográfica do Miño Sil asinarán un convenio para a realización do proxecto denominado “Mellora da rede de saneamento no Barco de Valdeorras (Ourense). fase 1, con actuacións na Pobra, arroio Mariñan, Avda. Portugal e arroio de Forcadela”.

O proxecto conta cun orzamento calculado en 2.350.000 euros, dos que 1.880.000 serán achegados pola Confederación, e 470.000 polo Concello. O investimento realizarase neste ano 2024 (con 576.695 euros orzados) e no ano 2025, para o que hai previstas actuacións por un montante de 1.773.000 euros.

A realización das obras obxecto do proxecto foi exposta polo Concello á Confederación despois de comprobar o estado un tanto envellecido da rede de saneamento, que nestes momentos ten algúns problemas de funcionamento e de falta de capacidade. Esta situación vese agravada polos elevados niveis freáticos existentes na zona durante boa parte do ano.

A Confederación fixo unha auditoría para identificar os puntos nos que se rexistran entradas de augas limpas á rede, tanto de acuíferos como de leitos superficiais, o que dificulta unha eficaz depuración por parte da EDAR. O convenio que se firmará ten por obxecto o financiamento das actuacións necesarias para resolver os problemas más urxentes dos que se detectaron, comezando polas zonas de Veigamuiños, na parte máis próxima á igrexia, a Avda de Portugal e o bombeo debaixo da vía do tren.

Tamén se actuará na zona da Praia do Ouro, onde está previsto eliminar os verquidos actuais e se instalará un pozo de bombeo para levar todas as augas directamente á depuradora. Os traballos previstos teñen varias fases: en primeiro lugar, realizarase un estudo completo de análise e inspección da rede de saneamento do Barco de Valdeorras, para determinar o estado de conservación da rede principal de sumidoiros, identificando aqueles tramos de colectores que precisen intervencións de mellora, rehabilitación ou substitución.

Ademais, realizarase un estudio exhaustivo do comportamento da rede, tanto en tempo seco como en episodios de choiva, o que servirá para expor diferentes alternativas de actuación: seccións necesarias para distintos caudais de cálculo, localización e dimensionamento de hipotéticos tanques de tormenta, eliminación de alivios e de estacións de bombeo, de ser isto último posible, execución de novos tramos de conducións etc.

Á vista dos resultados do devandito estudo redactarase o proxecto técnico definitivo, que será elaborado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, e que incluirá un primeiro paquete de actuacións coas obras máis urxentes pero, ademais, o mencionado estudo permitirá identificar as restantes obras que sexan precisas para solucionar os problemas que actualmente poida ter o saneamento do Barco de Valdeorras, e que se abordarían nunha seguinte fase. Finalmente executarase a primeira fase das obras do proxecto de mellora da rede de saneamento no Barco de Valdeorras, que será de gran importancia para a mellora ambiental da contorna fluvial.

O Barco e CHMS investirán 2.350.000 euros na mellora da rede de saneamento