O Barco abre o prazo para participar nos concursos dos Maios, Coplas e Arcos Florais

O Barco abre o prazo para participar nos concursos dos Maios, Coplas e Arcos Florais
A cita terá lugar o 1 de maio na Praza do Príncipe, entre as 12.00 e as 20.00 horas, e repartirá preto de 1.800 euros en premios. Ademais, o gañador do concurso de Arcos Florais recibirá un lote de libros valorado en 120 euros

A tradicional celebración do Día dos Maios en O Barco de Valdeorras xa quenta motores. Desde este 9 de abril está aberto o prazo de inscrición para os concursos de Maios —nas modalidades enxebre e artística—, Coplas e Arcos Florais, organizados pola concellería de Cultura do Concello. Os interesados poden anotarse ata o 29 de abril ás 12.00 horas, de forma presencial na oficina da Asociación Centro Comercial Aberto, situada no Viveiro de Empresas (Avda. de Galicia, s/n).

A cita terá lugar o 1 de maio na Praza do Príncipe, entre as 12.00 e as 20.00 horas, e repartirá preto de 1.800 euros en premios. Ademais, o gañador do concurso de Arcos Florais recibirá un lote de libros valorado en 120 euros.

A participación está aberta tanto a persoas físicas como a entidades, que poden presentar un ou varios proxectos. No caso das Coplas, deben estar escritas en galego e presentarse en cinco copias no momento da inscrición. O xurado poderá pedir que se interpreten como mínimo dez estrofas.

En canto aos Maios, distinguiranse os enxebres —de forma piramidal, cónica ou en cruceiro— e os artísticos, que recrean escenas, monumentos ou figuras con elementos tradicionais. Todos deben elaborarse exclusivamente con materiais vexetais non protexidos, e valoraranse a estética, a orixinalidade e a discreción dos elementos estruturais. Os Arcos Florais tamén deberán construírse con materia vexetal e serán avaliados polo seu deseño e creatividade.

O fallo do xurado, composto por persoas vinculadas á organización e ao ámbito cultural do municipio, farase público no propio recinto antes das 20.00 horas do día da celebración.