Asilival volve levar a protesta sanitaria ás rúas do Barco

Preto dun cento de persoas participou na manifestación entre o Hospital e a Casa do Concello, mentres a plataforma denuncia a falta de resposta da Xunta e a perda de cobertura nos centros de saúde

As rúas do centro do Barco volveron converterse este xoves nun escenario de reivindicación en defensa da sanidade pública. A Asociación Silicosis Valdeorras (Asilival) substituíu nesta ocasión a habitual concentración semanal por unha manifestación que partiu do Hospital Público Valdeorras e rematou diante da Casa do Concello, nun percorrido no que participaron arredor dun cento de persoas.

A mobilización fixo unha parada duns cinco minutos nun dos principais accesos á vila, na confluencia das rúas Conde de Fenosa, Marcelino Suárez, Eulogio Fernández e a Avenida da Estación, co obxectivo de facer visible a protesta nun dos puntos con maior tránsito de vehículos e peóns.

Ao remate da marcha, o presidente de Asilival, José Rodríguez, lamentou a escasa participación cidadá e preguntouse por que non había máis veciños apoiando a mobilización, mentres moitas persoas paseaban polas rúas ou permanecían nas terrazas.

«Dunha forma ou outra, están rematando con nós»

O representante da CIG-Saúde, Suso Vilasánchez, asegurou que a situación sanitaria en Valdeorras continúa empeorando e advertiu de que o Hospital Público de Valdeorras está a perder as condicións diferenciadoras das que gozaba como centro comarcal.

«Parece mentira, pero toda esta cousa de dicir que o Hospital de Valdeorras tamén é un hospital de difícil cobertura vainos fastidiar vivos. Agora mesmo empezamos a perder as vantaxes que tiñamos con respecto aos grandes hospitais. Dunha forma ou outra, están rematando con nós», afirmou.

Vilasánchez tamén denunciou a falta de cobertura médica en varios concellos da comarca, asegurando que «onte quedaron dous pobos sen cubrir pola mañá, A Veiga e O Bolo», e advertiu de que a situación continúa agravándose. «Para cubrir Vilariño de Conso reduciron un médico en Viana. Isto segue igual de destrozado, unha detrás da outra», engadiu.

Críticas á visita do xerente da área sanitaria

Durante a súa intervención, o representante sindical lamentou que a recente visita do xerente da Área Sanitaria non servise para escoitar ás plataformas e organizacións que levan meses denunciando a situación.

«Se quere saber que pasa en Valdeorras, que veña falar con nós, coa Plataforma, coas organizacións de pacientes e coas organizacións sindicais», reclamou.

Ao seu xuízo, o responsable sanitario «perdeu unha oportunidade» de coñecer de primeira man os problemas da comarca. «Veu aquí e perdeu unha oportunidade de reunirse coas asociacións. Aproveitou para vir, pero non para facer outra cousa que sacarse fotos», criticou.

«É unha cuestión de todos»

Preguntado pola menor asistencia ás mobilizacións, Suso Vilasánchez considerou que o paso do tempo acabou por normalizar unhas protestas que xa se repiten desde hai máis dun ano.

«Cando algo se fai cotián perde importancia. Levamos 52 concentracións e isto xa dura demasiado tempo. Hai demasiada pouca resposta e un número importante de afectados que deberían ser escoitados», sinalou.

Con todo, asegurou que a plataforma non descarta intensificar as mobilizacións nas próximas semanas e insistiu en que a defensa da sanidade pública «é unha cuestión de todos», máis alá de ideoloxías ou siglas políticas.

Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado

Tu prueba Premium ha finalizado