viernes. 19.04.2024

O Centro Dramático Galego (CDG) estrea este venres no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras a coprodución Asemblea xeral, de Sarabela Teatro.  Así, a sesión inaugural da montaxe terá lugar ás 21,00 horas na vila natal e no espazo que leva o nome do coautor do texto, que se leva a escena con dirección de Fina Calleja. As entradas poden adquirirse de xeito anticipado no establecemento local Ton y Son e no propio día no despacho de billetes desde unha hora antes do inicio.

Asemblea xeral é un espectáculo dirixido a público familiar cuxa escrita orixinal é do autor valdeorrés Lauro Olmo, de quen se conmemora o centenario, e de Pilar Enciso. Baséase na fábula de La Fontaine Os animais apestados, a partir da que se constrúe unha trama traxicómica que pon en evidencia os mecanismos de poder que presiden os réximes sociais autoritarios.

A peza foi galardoada co premio Manuel Espinosa e Cortina da Real Academia Española da Lingua como mellor obra estreada no quinquenio 1977-1981. Nela, os animais sofren a peste e, crendo que é un castigo do ceo, buscan un culpable para sacrificalo. Con este fin acordan unha asemblea xeral onde cada un confesará as súas faltas.

A montaxe levada a escena por Sarabela Teatro coa versión de Fernando Dacosta e Fina Calleja conta no seu elenco con Fernando Dacosta, Sabela Gago, Fran Lareu, Héctor Martínez e Elena Seijo. O equipo complétano Amenosde7metros no deseño e realización da escenografía, José Manuel Bayón no de luz, Tegra e Lele no de vestiario e Renatta Coda Fons no espazo sonoro, con arranxos musicais de Ramón Raíndo.

Asemblea Xeral é a sexta e última das coproducións programadas polo Centro Dramático Galego para este primeiro semestre do ano. O obxectivo é dinamizar a actividade escénica e a creación de público en todo o territorio, así como reforzar a colaboración pública e privada no eido teatral. 

"Asamblea Xeral" chega este venres ao Barco para conmemorar a Lauro Olmo