
As axudas ós autónomos protagonizan a xornada informativa de AEVA

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou nunha xornada informativa organizada pola Asociación Empresarial de Valdeorras —AEVA— na explicou as axudas que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten abertas nestes momentos no eido do emprego autónomo.
Araceli Fernández Palacio, presidenta de AEVA, foi a encargada da presentación desta xornada na que Toca informou das axudas económicas que se poden obter con cada bono.
O bono de Nova Oportunidade é a primeira vez que se pon en marcha. Está dirixido a autónomos que estiveron ó fronte de iniciativas que non foron adiante e que queiran volver emprender un novo negocio. Por un lado, concédense 6.000 euros como apoio ó emprendemento e, por outro lado, poderá obter até 6.000 euros para formación e mentoring.
O Bono Renova está destinado a posibilitar a transmisión xeracional dos negocios. Contempla axudas á persoa que cesa a súa actividade, con apoios por 5000 euros. Para o emprendedor que a retoma, as axudas poden chegar até 29.000 euros que inclúen asesoramento, formación, inicio da actividade e creación de emprego.
No ámbito da conciliación por maternidade e paternidade están abertas axudas de até 6.000 euros. Estarán destinadas á contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma durante un período máximo dun ano unha vez rematado o período de descanso por nacemento. Ademais, os beneficiarios desta axuda poderán obter apoios de ata 3.000 euros para o pagamento do 75% do custos dos servizos de escola infantil.
Tamén se referiu ao programa encamiñado a apoiar a consolidación de pequenas empresas de nova creación e ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica; e activouse unha convocatoria para respaldar o movemento asociativo das persoas traballadoras autónomas, con axudas de ata 55.000 euros por entidade.