
A ANPA do Julio Gurriarán segue na loita polo pavillón

A ANPA Aturuxo, do CEIP Julio Gurriarán, continúa coas reivindicacións para a construción dun pavillón escolar. Fai un mes, o colectivo aproveitaba o Entroido para facer soar a súa petición a través de varios deportistas da comarca. Agora, a ANPA enviou unha carta ao Conselleiro de Educación solicitando unha xuntanza, á vista de que a valedora do pobo informou de que a consellería non remitira a información solicitada en orde ó pavillón.
A recen estreada ANPA continúa coas reivindicacións iniciadas polo consello escolar. Non é a primeira vez que este solicita unha reunión coa Consellería de Educación, pero nunca obtivo resposta. Xa fai uns días que a ANPA enviou a carta ao Conselleiro pregando unha xuntanza para solicitar que se inicien as obras do pavillón no vindeiro curso, pero de momento tampouco tiveron contestación."Nosotros seguimos intentándolo y seguimos insistiendo. Confiamos en el buen hacer del Conselleiro", asegura Gloria Chimeno, presidenta da ANPA.
Só falta que a Consellería dea luz verde ao proxecto, posto que o Concello de O Barco mantén o a aportación municipal que nun principio estableceu Educación, un montante de 150.000 euros. O que si variou foi o presuposto total, que pasou a un total de aproximadamente 600.000 euros. No que a gastos de mantemento se refire, serían asumidos polo concello de O Barco, coa única excepción dos gastos de calefacción.
Dende a asociación de nais e pais confían en que esta vez si obteñan resposta posto que "somos un ANPA totalmente renovada e intentamos presentarnos de la mejor forma posible. Confiamos en el buen hacer del Conselleiro para recibirnos", recoñece Chimeno. De non ser así, o colectivo continuará intentando "por todos los medios" conseguir ese pavillón.
Por outra banda, o vindeiro 6 de abril a asociación celebrará unha reunión extraordinaria na que o primeiro punto da orde do día versará sobre o estado das contas, posto que cando se formou a nova directiva, o pasado mes de febreiro, as contas atopábanse en números vermellos. Aínda que Chimeno non deu declaracións en canto a este tema, a presidenta afirmou o pasado mes que o primeiro dos seus obxectivos era recuperar os cartos pola vía legal.