martes. 16.04.2024

Unha saída didáctica do alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º de Bacherelato para coñecer o xacemento do Castelo en Valencia do Sil e ver a exposición In terra Gugurrorum

O departamento de Latín do IES Cosme López da Rúa organizou unha saída didáctica para o alumnado de Cultura Clásica de 3º de ESO, Latín de 4º de ESO e Latín de 1º de Bacharelato co obxectivo de coñecer in situ unha parte da historia da comarca como é o xacemento de Valencia do Sil.

A primeira parada foi no castro de Valencia do Sil, tamén coñecido como O Castelo. «Trátase dun asentamento civil, posiblemente de finais do imperio romano, que foi escavado durante o mes de xullo deste mesmo ano, aínda que xa se coñecía a súa existencia por escavacións anteriores, levadas a cabo por un grupo de arqueólogos afeccionados de Valdeorras, chamados Os Escarvadores, que desenvolveron o seu traballo nos anos 80 do século pasado», con estas palabras introducíase ao alumnado nas explicacións que logo a pé de campo, completarían o grupo de arqueólogos da Universidades de Santiago de Compostela —USC—.



«A subida foi un pouco dura, xa que hai zonas nas que o camiño ten unha pendente moi acusada e os accesos ao castro non son moi bos, pero mereceu a pena. Ademais de coñecer o lugar, a visita tiña o interese engadido de que, durante eses días, un grupo de arqueólogos da USC estaba realizando traballos para datar e analizar con máis precisión o achado. Así, puidemos ver como traballaban in situ e contamos coas explicacións non só sobre o asentamento, senón tamén sobre as técnicas e instrumentos de traballo dos arqueólogos sobre o terreo», sinalan desde o IES Cosme López.

Atendendo ás explicacións no xacemento do Castelo (Valencia do Sil)

«Baixar xa foi máis sinxelo, aínda que tiñamos que ter coidado de non esvarar, porque o terreo estaba moi mollado. Xa en Valencia, recolleunos o autobús e dirixímonos ao Barco, ao Teatro Lauro Olmo, para ver a exposición In terra Gigurrorum, na que se expoñen e explican os restos arqueolóxicos atopados no castro que acababamos de visitar, así como unha sección dedicada ao grupo dos Escarvadores. Na exposición agardábanos o alumnado de Latín do IES Lauro Olmo e xa pasamos o resto da xornada con eles», seguen explicando.

Despois de ver a exposición achegáronse até a Finca da Cruz —área arqueolóxica que se atopa preto do cemiterio do Barco—, onde comeron. Tralo descanso, Luís Enrique Arias, historiador e bo coñecedor da minería romana, explicoulles a importancia e os métodos da extracción do ouro en época romana. Tamén lles falou dos restos de minas romanas que hai en toda a comarca, exemplificando cos que se poden ver nesa mesma finca.

Excavacións no xacemento de Valencia do Sil

«Tivemos sorte

porque aguantou sen chover todo o día, case ata a hora de volver», aclaran. Ás

cinco da tarde regresaron á Rúa, «coñecendo un pouco mellor os restos arqueolóxicos

da nosa comarca», sinalan.

Resaltar que o alumnado do IES Cosme López da Rúa e o Lauro Olmo do Barco presentaron no mes de xuño un documental sobre o pasado romano da comarca, «Na procura do noso pasado romano». A proxección deste audiovisual foi una das actividades da exposición sobre as pegadas da romanización «In terra Guigurrorum». Inaugurouse o pasado 21 de outubro e permanecerá aberta até principios de 2010.

Alumnos do IES Cosme López visitan o xacemento do Castelo