viernes. 29.03.2024
O paso antigo, xunto ó emprazamento onde se situará o novo.
O paso antigo, xunto ó emprazamento onde se situará o novo.

A empresa estatal fixo público o proxecto do novo paso baixo a vía da rúa Xirimil

ADIF publicou o proxecto do novo paso baixo a vía do Barco de Valdeorras, que estará situado xunto ó xa existente na rúa Xirimil. A actuación prevista mellorará a seguridade, debido a que o actual é demasiado estreito para a circulación mixta de vehículos e persoas.



É por iso polo que se executará unha obra consistente na creación do novo paso xunto ó actual. O novo terá dobre carril e será exclusivo para a circulación de vehículos. O vello quedará para uso dos peóns. Deste xeito aumentará a seguridade para viandantes e condutores.

O proxecto atópase en fase de consulta pública, aínda que non haberá ningunha expropiación. Só será necesario ocupar temporalmente a contorna da obra durante a execución do proxecto, que se estenderá case 6 meses.



Entre as operacións que se levarán a cabo atópanse baixar a rasante das rúas da Rampa e as Regas, a reposición das vías de ferrocarril e a construción dun muro de contención. O orzamento é algo maior de 780.000 euros.

A obra responde a unha necesidade xa manifestada dende fai tempo. En 2009, a corporación municipal do Barco aprobara solicitar ó ADIF unha solución para o perigo que entraña este angosto paso.

ADIF construirá un novo paso baixo a vía no Barco