Aberto o prazo para obter o certificado de competencias dixitais COMDIX en O Barco de Valdeorras

Aberto o prazo para obter o certificado de competencias dixitais COMDIX en O Barco de Valdeorras
As probas do nivel intermedio celebraranse o 30 de abril na Aula CeMIT do edificio multiusos. Hai 13 prazas dispoñibles e a inscrición pode realizarse ata o 25 de marzo a través da web da Xunta

O Barco acollerá o próximo 30 de abril unha nova oportunidade para acreditar competencias dixitais, unha habilidade cada vez máis decisiva no acceso ao emprego. O prazo xa está en marcha e as prazas son limitadas.

A proba presencial para obter o Certificado Galego de Competencias Dixitais (COMDIX) de nivel intermedio celebrarase ás 12.00 horas na Aula CeMIT, situada no segundo andar do Edificio Multiusos do Concello. Nesta convocatoria ofértanse 13 prazas.

As persoas interesadas poden inscribirse ata o 25 de marzo a través da web da Rede CeMIT. No caso de que haxa máis solicitudes que prazas, realizarase un sorteo entre as persoas inscritas. A listaxe provisional publicarase entre un e dous días despois na web, e os resultados comunicaranse tamén por correo electrónico.

A convocatoria está aberta á cidadanía en xeral, sen máis requisito que ter cumpridos os 16 anos. A proba consistirá nun exame tipo test de entre 60 e 70 preguntas, sendo necesario acertar polo menos o 70 % para obter o certificado.

Para aquelas persoas que precisen reforzar coñecementos, a Xunta ofrece formación gratuíta en competencias dixitais a través da plataforma da Rede CeMIT, co obxectivo de facilitar a superación da proba.

O COMDIX é un certificado oficial promovido pola Xunta de Galicia que acredita o nivel de manexo das tecnoloxías dixitais. Este documento permite demostrar ante empresas e institucións as capacidades dixitais dunha persoa, facilitando así o acceso a novas oportunidades laborais.