domingo. 08.06.2025

O Club Arcobarco proclámase Campión Galego en Arco Composto

portada

Os integrantes do club valdeorrés Arcobarco facíanse de ouro o pasado domingo 12 de marzo no Campionato Galego de Clubes de Sala 2017 celebrado no pavillón O Longoiro de Valdoviño, en A Coruña.

Representando ó club barquense viaxaban á Coruña os tiradores Santos Murias, José Manuel Fernández e Luís Domínguez Rey. Pola mañá disputábase a fase clasificatoria da Liga de Equipos da Federación Galega de Tiro con Arco, na que Arcobarco quedaba en primeiro lugar.

Pola tarde, o club enfrentábase a catro encontros eliminatorios nos que a habilidade dos tiradores barquenses lles permitiu conservar ese primeiro lugar. "A nosa actuación foi moi boa malia que non entrenáramos moito. Estivemos moi compenetrados, cando un fallaba un punto o compañeiro facíao moi ben e saldaba o teu erro", sinalaba José Manuel Fernández, tirador do Club Arcobarco, que recoñecía que o máis complicado desta proba é o tempo, que é moi limitado. Os tiradores dispoñían tan só de vinte segundos nos que o compañeiro debía saír da liña de tiro, entrar o seguinte tirador e efectuar o tiro.

Murias, Fernández e Rey  lograban un total de 452 puntos na modalidade de Arco Composto, a piques de marcar un novo récord nacional do que quedaron a tan só seis puntos. Esta altísima puntuación catapultábaos ao máis alto do podio, seguidos polo Club Family Team e Arco Muralla, que quedaron en segundo e terceiro lugar respectivamente segundo a clasificación da Federación Galega de Tiro con Arco.

O Club Arcobarco proclámase Campión Galego en Arco Composto