
Esta fin de semana O Salgueiral, en O Barco de Valdeorras, acolle o Circuito Galego de Volei Praia e a Copa Deputación.
Será a primeira proba para as categorías base, dende alevín, que compite este ano por primeira vez, ata sub 19. “Son distintas probas que celebramos dende a federación galega para que os rapaces menores de categoría senior, menores de 21, poidan participar nesta modalidade”, explica o secretario da Federación Galega de Volei, Ramón Baña.
Nesta ocasión, a organización fixo coincidir as probas do Circuito Galego coas da Copa Deputación no afán de asegurarse de que, se non hai suficientes inscritos dunha categoría, os rapaces de Ourense poidan enfrontarse tamén a cativos de outros puntos de Galicia. Segundo a puntuación final que obteñan, os mellores de Ourense proclamaranse campións da Copa Deputación, tendo ademais a posibilidade de participar nunha proba do Circuito Galego e podendo puntuar para clasificar ao seu equipo para algún Campionato Nacional.
A XII Edición da Copa Deputación de Ourense incluirá un apartado senior exclusivo para os equipos ourensáns.
O sábado comezarán a competir as categorías infantil e Sub 19, mentres que o domingo será a quenda dos alevíns e cadetes.
Baña afirmou que, nesta ocasión, as probas celébranse no Barco de Valdeorras tendo en conta o volume de xogadores que hai na localidade e para que os rapaces “non teñan que desprazarse continuamente a Ourense”. Asegurou tamén que esta era “unha maneira de agradecer a labor que os clubs e o concello fan por apoiar o volei praia na vila”.