Larouco convértese na “zona cero” da reflexión científica e cidadá sobre os incendios forestais
Dous meses despois da vaga de lumes que no verán de 2025 arrasou máis de 32.000 hectáreas en Larouco —o peor incendio da historia de Galicia—, a localidade ourensá acolle este venres 14 de novembro a xornada «Ciencia e Comunidade: Arredor do lume na Zona 0», unha iniciativa de ECOBAS co apoio do Concello de Larouco. O encontro pretende analizar os impactos físicos e sociais da catástrofe e promover un diálogo aberto sobre como evitar que unha situación semellante volva repetirse.
A directora científica de ECOBAS, María Loureiro, e a investigadora da Universidade de Vigo, María Isabel Doval, coordinan esta cita, que reunirá na Casa da Cultura —antiga escola do municipio— a expertos, profesionais e representantes de colectivos afectados. A apertura institucional correrá a cargo da alcaldesa, Patricia Lamela. A participación é aberta a toda a cidadanía, pero require inscrición previa a través da web www.ecobas.gal ou no correo electrónico ecobas@ecobas.gal.
O programa inclúe dúas mesas redondas complementarias. A primeira, centrada nos «impactos físicos dos incendios forestais», abordará cuestións como a degradación do solo, a perda de biodiversidade ou as alteracións na atmosfera e nos recursos hídricos.
Participarán o enxeñeiro forestal Juan Picos, o biólogo Marcos Reinoso (Asociación Serra do Caurel), o enxeñeiro aeroespacial Fernando Veiga, Rafael Carrera (Asociación de Traídas de Augas COXAPO) e Fran García (Fundación Juana de Vega). Moderará María Isabel Doval.
A segunda mesa redonda, dedicada aos «impactos sociais dos incendios forestais», analizará as consecuencias sobre a saúde mental, o despoboamento, a cohesión comunitaria e a reconstrución social. Intervirán Iván Pérez (Bombeiro Forestal BRIF Laza), Lito Prado (Cooperativa Amarelante), Rosa Álvarez Prada (Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia) e José Díaz Ocampo (avogado). A moderación estará a cargo de María Loureiro.
A xornada, financiada pola Unión Europea no marco do proxecto ECOBAS (grant agreement 101132652), inclúe tamén un xantar de networking e un espazo final de diálogo coa comunidade para recoller propostas de futuro sobre prevención e xestión dos lumes.
O incendio de Larouco, que afectou a un territorio de enorme valor ecolóxico e económico, supón un punto de inflexión: só no ano 2025, Galicia concentrou o 40 % da superficie queimada de toda a última década. Neste contexto, a ciencia, a colaboración institucional e o compromiso cidadán preséntanse como ferramentas clave para reconstruír o territorio e preparar ás comunidades fronte a un escenario climático cada vez máis extremo.