martes. 17.06.2025

Os concellos valdeorreses danse cita na feira gastronómica Xantar

O turismo gastronómico está cada vez máis afincado en Galicia, e con motivo, precisamente, da súa expansión naceu Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico. Este ano van xa dezaoito edicións desta feira, que se celebra do 1 ao 5 de febreiro no recinto de Expourense, na cidade de Ourense.

Os concellos de Valdeorras, que se de algo saben é de produtos gastronómicos, non se queren perde-la cita. O Concello de O Barco contará cun stand de 12 metros cadrados, decorado con fotografías e material gráfico de paisaxes, monumentos e edificios representativos da localidade. Ademais, aproveitarán a ocasión para divulgar e promocionar a IV edición da Festa do Botelo de A Coruña, que se celebra o próximo 11 de febreiro, e a de Vigo, que está previsto que teña lugar o 11 de marzo.

No stand, xunto con folletos turísticos de O Barco, estará dispoñible a oferta de compras do Centro Comercial Aberto.

O domingo 5, Xantar dedícalle o día ao Concello do Barco de Valdeorras, e ás 13.30 horas haberá unha degustación de Botelo no propio stand, que se servirá cun viño Mencía da zona.

A inauguración terá lugar o mércores e nela estará prensente a Concelleira de Cultura, Irene Dacal, mentres que o alcalde, Alfredo García, irá a degustación do domingo e ao acto de clausura.

O Concello de A Veiga dispoñerá tamén dun stand onde potenciarán os seus produtos cárnicos e a mel. O seu alcalde, Juan Anta asegurou que "apostamos polo turismo e nel incluímos os nosos produtos gastronómicos". A Veiga presentará, ademais, un vídeo promocional feito con drons onde amosarán "todo o que queremos ensinar do noso concello". Contarán cunha degustación diaria, no seu stand, de pasteis elaborados con mel, que terá lugar de mércores a domingo ás 18:00 horas.

A Pobra de Trives terá tamén presenza en Xantar cun stand no que se degustarán produtos da localidade o venres 3 ás 20:00 horas.

Tamén estará alí o Concello de Vilariño de Conso, que ofrecerá degustación de Montonico e outros doces de venres a domingo ás 12:00 horas.

E como non, a DO formará parte tamén deste Salón Internacional de Turismo Gastronómico. Concretamente estarán no Túnel do Viño, onde levarán un total de 5 viños da Denominación de Orixe Valdeorras. As bodegas participantes son: Bodegas Roandi, que levará Domus de Roandi (viño tinto) e Brinde Reserva (escumoso); Virxe de Galir, que levará Pagos del Galir Godello (viño branco) e Bodega Eladio Santalla Paradelo, que levará Hacienda Ucediños, un branco e un tinto.

Os concellos valdeorreses danse cita na feira gastronómica Xantar