
Hoxe sábado 22 de xuño arrincan as probas da oposición de educación da Xunta de Galicia. Neste 2024 ofértanse 1.743 prazas, das que 1.512 son de novo ingreso. Ademais, 520 son para o corpo de mestres; 875 para o de mestres de ensinanza secundario; 84 do novo corpo de mestres especialistas en sectores singulares da FP; e 33 de escolas oficiais de idiomas.
Conchi Martínez naceu en Fornelos de Montes (Pontevedra) e o seu desexo, dende que ten recordo, é ser profesora de primaria. Ten 32 anos e, na actualidade, cubría unha substitución por paternidade no CEIP Condesa de Fenosa do Barco. «Levo nove anos tentando sacar a praza e o ánimo sempre ten que estar arriba, porque rápido vai para abaixo».
Afronta este reto con experiencia —que di, «é un grao»— pero tamén con «nervios, incerteza e cunha sensación de ansiedade, sobre todo o día previo». Con ela falabamos precisamente onte venres, o día previo, e quixo dedicarlle un consello á Conchi de hai nove anos: «Tranquiliña, que vai para longo».
Presentarase á proba en Vigo, onde sempre o fixo, e explica que vai «coma se fose a primeira vez, porque se non, non vas». Nove anos son moitos, e a presión moitas veces pode apoderarse dos opositores. Confesa Conchi que unha vez pensou en abandonar, pero que a súa convicción persoal o evitou porque «penso que cando se comeza algo, hai que rematalo».
Destaca esta profesora que unha das fortalezas que ten é «a familia, as amizades e os compañeiros que te vas topando no camiño. A xente do arredor conta moito, pero é certo que non conseguen entender ben polo que estás pasando. Só o pode comprender outro opositor».
Estudando unha media de oito horas diarias —cando non traballa—, recibe moitos «consellos» e comentarios de persoas que, segundo aclara, «non axudan nada. Non quero que me contes a historia da túa prima que aprobou á primeira, nin que me digas que pasa rápido. O mellor é non dicir nada e acompañar, é suficiente».
Preguntada por se continuará tentándoo de non aprobar hoxe, teno claro: «Comecei na loita así e rematarei a loita así. Hai que seguir».
A entrevista completa, neste enlace de audio: