
O IES Lauro Olmo converteuse nun dos 64 centros recoñecidos pola Xunta de Galicia polo seu programa de Erasmus +. «Esta acreditación garante unha maior estabilidade no financiamento Erasmus e dá a posibilidade de empregar parte do orzamento noutros países de fóra de Europa», explicaba David Blanco, coordinador do programa Erasmus no instituto Lauro Olmo.
Este centro barquense leva un ano desenvolvendo estes programas de mobilidade «e estamos xa comezando a materializar os intercambios, recibindo xente e enviando tamén alumnos fóra. Agora mesmo, temos dous alumnos realizando as súas prácticas de Formación Profesional en Alemaña».
Ditas mobilidades poden ser «dunha semana ou de un mes, máis ou menos, e poden ser individuais ou de grupo». O IES Lauro Olmo está ademais en colaboración con países como Italia, Francia e Portugal. Confiaba David Blanco en «consolidar este traballo, mantelo e xestionalo no tempo, e ir ampliando os socios e redes de contacto noutros países».
I Feira de Portas Abertas
O próximo día 30 estarán dende o IES Lauro Olmo na praza do Concello, en horario de 11:00 a 13:00 horas, onde «faremos difusión dos ciclos de Formación Profesional para todos aqueles que necesiten máis información, e tamén falaremos deste Programa Erasmus».
En dita praza instalaranse stands informativos e levaranse a cabo obradoiros divulgativos. Para máis información pode consultarse directamente co centro.
Se quere escoitar a entrevista completa pode facelo neste enlace de audio: