domingo 29/5/22

As Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño de Valdeorras darán visibilidade ao territorio

Así o sinalou a vicepresidenta da Ruta do Viño, Montserrat Rodríguez, durante a súa intervención na presentación oficial en Santiago desta iniciativa promovida e financiada pola Axencia de Turismo de Galicia
somoscomarca_montserodriguez_xornadaportasabertas_rutadoviño_2022-04-05
As Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño darán visibilidade ao territorio

As XI Xornadas de Portas Abertas da Ruta dos Viños de Valdeorras, que se desenvolverán na comarca entre os vindeiros 27 e 29 de maio, foron presentadas en Santiago de Compostela no marco dun acto presidido por José González, conselleiro do Medio Rural, e no que participou tamén a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Por parte da Ruta dos Viños de Valdeorras, tomou a palabra a vicepresidenta da entidade, Montserrat Rodríguez, para asegurar que a iniciativa permitirá, un ano máis, “dar visibibilidade” e “difundir e propiciar un mellor coñecemento do territorio amparado”.

“Valdeorras é rica en historias escritas a través das súas xentes, as súas terras, o seu clima e as súas paisaxes, que acolleron e coidaron o cultivo da vide desde hai séculos. Todos estes actores deron forma á esencia do que é hoxe en día a viticultura da nosa comarca e ao selo da nosa Denominación de Orixe Valdeorras, a segunda mais antiga de Galicia”, asegurou Montserrat Rodríguez.

Dende a Ruta dos Viños de Valdeorras apóstase, tal e como sinalou a súa vicepresidenta, por contribuir a crear riqueza e turismo no territorio arredor do viño. “Porque os nosos recursos posúen un gran atractivo como elemento a partir do cal asentar unha oferta turística diferenciada”.

Nesta dirección, precisamente, traballa a Ruta dos Viños de Valdeorras. A vicepresidenta da Ruta dos Viños puxo tamén en valor a figura de Florencio Delgado Gurriarán, autor valdeorrés ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, recitando algunhas partes dun artigo que éste publicou na Revista Saúdade, editada polos galeguistas exiliados en México e continuou o seu discurso convidando a todos e a todas a visitar o inxente patrimonio natural, histórico e cultural de Valdeorras no marco das Xornadas.

As inscricións para participar nas diferentes actividades promovidas ao abeiro das XI Xornadas de Portas Abertas da Ruta dos Viños de Valdeorras están xa abertas na web 

As Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño de Valdeorras darán visibilidade ao...