martes. 17.06.2025

O xeodestino Manzaneda-Trevinca-Valdeorras estrea guía gastronómica dixital

“Trátase dunha ferramenta moi útil que proporciona información aos turistas do xeodestino, axudándolles a planificar a súa visita"
O xeodestino Manzaneda-Trevinca-Valdeorras estrea guía gastronómica dixital

A hostalería do xeodestino Manzaneda-Trevinca-Valdeorras, xestionado polo Inorde, xa teñen o seu propio espazo na guía gastronómica e de restaurantes da provincia de Ourense (www.restaurentesourense.com). Esta incorporación da oferta do xeodestino a esta páxina gastronómica foi unha das actuacións que se ultimou no plan do acción do 2021 co apoio da Axencia de Turismo de Galicia.

“Trátase dunha ferramenta moi útil que proporciona información aos turistas do xeodestino, axudándolles a planificar a súa visita ”, explicou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández. Deste modo, os usuarios poderán ver a oferta gastronómica dos locais dos municipios do xeodestino, que quixeron adherirse a esta plataforma dixital destinada que naceu coa vocación de abordar toda a provincia de Ourense.

Nesta guía, que ofrece a posibilidade de descargar a súa propia aplicación, os potenciais consumidores poden atopar unha completa información detallada dos establecementos de restauración do xeodestino “Manzaneda, Trevinca, Valdeorras”, distribuídos por concellos. Desde a aplicación, o usuario pode coñecer a ubicación exacta do establecemento, chamar ao local directamente, coñecer o menú en tempo real do local, así como ter información precisa do establecemento (horarios, servizos, imaxes do local e dos pratos), e adicionalmente incluirase un vídeo de presentación de cada un.

Ademais, na mesma web tamén hai un blog que recolle a actualidade vencellada á enogastronomía da zona. Por exemplo, actualmente está a anunciar as I Xornadas do Botelo e Cocido Valdeorrés, que se celebrarán entre o 5 e o 27 de febreiro en 17 restaurantes.

Os municipios que integran este xeodestino son os seguintes: A Pobra de Trives, A Veiga, Chandrexa de Queixa, Larouco, Manzaneda, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa e Carballeda de Valdeorras.

O xeodestino Manzaneda-Trevinca-Valdeorras estrea guía gastronómica dixital