sábado. 14.06.2025

A vendima comeza en Valdeorras esta semana

Marcada pola saraiba, a pandemia e as medidas de prevención cos temporeiros, a colleita espérase boa

Na vindeira semana empezará a vendima. Será Godeval a adega que comece a colleitar as uvas da comarca, iniciando o proceso o xoves 20 de agosto. A campaña vai ser unha das máis estrañas da historia, marcada pola pandemia do coronavirus e polos aranceis dun dos principais compradores estranxeiros, Estados Unidos. Na aduana, os estadounidenses cobrarán un 25% do valor dos caldos valdeorreses. De todos xeitos, a colleita espérase boa, malia a afectación da saraiba tralas tormentas.

José Luis García, presidente da D. O. Valdeorras, di que están «con moitas dúbidas das tormentas que houbo». Así e todo, afirma que «aumentou a cantidade de mosto que hai nos bagos», o cal afecta positivamente ó rendemento; coa mesma cantidade de uva faise máis viño.

Preguntado pola tendencia que se espera da colleita di que non cren que vaia medrar sobre as cifras do ano pasado, aínda que recalca que ata que non comece a vendima non se coñecerá ese rendemento dos mostos. Isto permitirá estimar unha cifra, aínda se espera que sexa similar á do ano
pasado
, cando se colleitaron 6.800.000 quilogramos de uva. Segundo comenta, o mildiu e black rot afectaron, pero o peor foi a sarabia. Afectou de xeito desigual, dependendo da zona.

Respecto á man de obra, García comenta que aínda non se sabe o que vai pasar. «Cada un estase buscando a vida como pode», declara, lamentando o traballo extra que vai supor: «tes que cumprir as medidas, illamento, desinfección». A Xunta vai sacar un protocolo para temporeiros.

Na Cooperativa Virxe das Viñas da Rúa este problema parece non afectar. Como di o seu presidente, Carlos Aristegui, «van vir poucos». «Cada un arréglase co amigo, co veciño», afirma. Sobre o estado das viñas, di que «hai un pouco de todo». Comenta que hai escaseza de garnacha, pero asegura que a colleita é boa: «de godello e xerez hai moitísimo, e mencía tamé».

Celestino Naveira, da adega María Teresa Núñez, produtora do viño Bioca, di que no seu caso a colleita foi moi boa e que a afectación de pragas e pedra foi «insignificante». «Iso foi por zonas», di. Sobre os traballadores, di que son «unha adega pequena, somos practicamente da familia» e que «collemos un, dous, pero de aquí, veciños».

A vendima comeza en Valdeorras esta semana