
A Asociación Ruta do Viño de Valdeorras está a ultimar os detalles dunha nova edición da «Primavera de portas abertas» coa que pretende amosar o territorio. Nesta edición participarán trece adegas, amparadas pola D.O., que se poden visitar mediante os buses do viño ou por conta propia durante a fin de semana.
A primeira das cinco xornadas que se celebrarán en Galicia, terá como protagonista a comarca de Valdeorras. Comeza o venres 3 de maio, ás 20.00 horas, no Hotel Monumento Pazo do Castro (Barco de Valdeorras). Esta actividade buscará incentivar o desenvolvemento do enoturismo, poñendo en valor un dos atractivos máis importantes da comarca.

Turismo de Galicia comezou o pasado mes de marzo a promoción destas rutas dos viños, coa visita dunha vintena de bloggers e instagramers de enogastronomía e viaxes —cun millón de seguidores —, á bisbarra.
Un paseo en bicicleta pola beira do encoro de San Martiño, na Rúa; a visita aos lagares de Larouco, ás covas de Seadur ou, ao santuario das Ermitas, no Bolo, foron algunhas delas.
Programa de actividades
Os participantes poderán gozar dunha morea de actividades, máis que atractivas, facendo da súa visita a Valdeorras, unha experiencia enoturística inesquecible.
Descubrir a importancia histórica da viticultura na comarca; desfrutar de showcookings protagonizados por algúns dos pratos tradicionais máis coñecidos da zona maridados con viños da Denominación de Orixe; saborear xantares amenizados con cantos de taberna; ou visitar algúns dos monumentos máis importantes da provincia de Ourense, como o santuario barroco das Ermidas ou o castelo medieval do Bolo.
Na «Primavera de Portas Abertas» poderase participar en outras actividades divertidas. Xogos participativos e ilustrativos da cultura vitivinícola; rutas en bicicleta eléctrica, que rematarán cunha cata maridada nunha cova subterránea; ou andainas en plena natureza que permitirán descubrir paisaxes únicas de gran beleza, como as do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra.
Ademais, todos aqueles que opten por gozar desta proposta a primeira fin de semana de maio, contarán con ofertas en aloxamentos e menús especiais preparados nos establecementos da zona que colaboran activamente coa «Primavera de Portas Abertas».
Xa se pode consultar a completa axenda destas xornadas en Valdeorras nas webs da Ruta del Vino Valdeorras e de Turismo de Galicia.