domingo. 08.06.2025

O persoal de Irosa e Samaca recibe o "Premio Etelvino Blanco"

Esta entrega coincidiu co 40º aniversario da primeira folga xeral nacional galega, a gala facíase na tarde do 14 de febreiro en Ourense
P_somoscomarca_240215_irosasamaca_premio
O persoal de Irosa e Samaca recibe o "Premio Etelvino Blanco". Fotografía cedida

Os traballadores e traballadoras das empresas louseiras Irosa e Samaca de Carballeda de Valdeorras recibiron o "Premio Etelvino Blanco ao compromiso cívico sindical" na súa segunda edición. Estes galardóns foron postos en marcha pola Unión Comarcal da CIG de Ourense o ano pasado para así homenaxear a figura do histórico sindicalista. A entrega do galardón tivo lugar a tarde do 14 de febreiro no salón de actos da Casa Sindical e coincidiu co 40º aniversario da primeira folga xeral nacional galega.

Nesta ocasión, decidiuse distinguir o persoal de Irosa e Samaca «pola honrosa defensa do seu emprego e do seu pan ante un desafiuzamento inminente que suporía a perda de 300 postos de traballo directos e preto doutros tantos indirectos, preservando, ademais, a única empresa relevante de capital integramente galego e valdeorrés non adquirida por fondos de capital estranxeiro». 

A filla do sindicalista, Noela Blanco, era a encargada e dar o premio ao presidente do comité de empresa, Ramón Doporto. Este agradecía o galardón e non se esquecía de todos os compañeiros e compañeiras que estiveron durante esa loita sindical que tiveron que librar para manter os postos. Durante o acto estivo presente o secretario xeral do CIG, Paulo Carril; o secretario comarcal, Anxo Pérez; secretario local, Paco Moral; e tamén delegados do CIG. 

O seguinte vídeo é o que tiveron a oportunidade de ver os asistentes a gala:

O persoal de Irosa e Samaca recibe o "Premio Etelvino Blanco"