jueves. 28.09.2023
portada

O proxecto Micotecnosoles II chega a Valdeorras disposto a rehabilitar entulleiras de extracción de lousa, motor económico da comarca. O consorcio empresarial que presenta este proxecto está formado por: Hifas da Terra, Centro de Valorización Ambiental del Norte, Edafotec Suelos a la Carta e a Compañía Galega de Silvicultores. Impulsado pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, esta iniciativa xorde a partir do interese de empresas con gran bagaxe na restauración ambiental no sector forestal e micolóxico de Galicia. O obxectivo principal de Micotecnosoles II é a rehabilitación de entulleiras de extracción da lousa mediante a aplicación de micotecnosoles e plantas micorrizadas que permitan a recuperación da capacidade produtiva do solo.

A palabra micotecnosol (mico=fungo; tecnosol =solo artificial) é un concepto creado en Galicia, de feito, a primeira normativa de tecnosoles foi creada nesta comunidade autónoma no 2005. A idea reside en crear solos artificiais a partires de residuos agrícolas, gandeiros e provintes da minería, e con eles restaurar entulleiras de lousas e plantar nelas vexetación con fungos, de forma que no futuro se convertan en bosques produtores de cogomelos. Así, zonas con contaminación ambiental e/ou paisaxística que antes eran improdutivas, pasan a ser zonas restauradas que producen emprego.

Este grupo de empresas xa realizou traballos de restauración na mina de Touro, en A Coruña, e sobre materiais das obras do AVE en A Gudiña, Ourense. Agora, achéganse a Valdeorras para aportar solucións sostibles para o sector galego da lousa. Esteban Sinde, de Hifas da Terra, recoñecía que "aquí é a zona ideal para facelo e xa houbo catro persoas que ofreceron entulleiras".

O proceso innovador de rehabilitación des entulleiras proposto no proxecto Micotecnosoles II integra plantacións de castiñeiro con variedades de castaña selecta de Galicia e micorrizados con Boletus edulis e viñedos para recuperar non só a paisaxe, senón tamén crear emprego e riqueza na comarca de Valdeorras.

Sinde recoñecía que de momento é complicado calcular a cantidade económica que se necesita por hectárea a restaurar, posto que depende, non só da densidades do solo e das condicións, senón tamén das condicións que se pacten cos empresarios. Polo de agora contan con un presuposto pequeno creado polo consorcio empresarial, aínda que Sinde afirmou que "vanse a facer experimentacións".

O que buscan é darlle visibilidade ao proxecto. No futuro, para Esteban Sinde este plantexamento debería ser adoptado por todos os concellos de Galicia "crear tecnosoles e usar eses solos artificiais para restaurar todas as zonas que o precisan, que non son solo as zonas de lousa, senón tamén zonas moi afectadas por incendios forestais, en zonas de solo industrial deterioradas  hai moitos solos deteriorados que poden empregarse"

Para facer unha restauración nun solo improdutivo necesitase un ano natural, durante o cal se aporta o substrato. Pero logo, en función do tipo de plantación tardará máis ou menos tempo en reconverterse en zona produtiva. No caso da vexetación herbácea, aos dous anos empezaríamos a ver un campo verde no que antes era unha entulleira; mentres que no caso de que repoboásemos a zona con castiñeiros que producisen castañas e cogomelos, teríamos que esperar uns oito anos ata ver rédito económico de esa restauración.

Micotecnosoles II chega a Valdeorras para convertir o solo improductivo en emprego