jueves. 18.04.2024
portada-somoscomarca-igaxes-nuriadieguez-2023-09-22
portada-somoscomarca-igaxes-nuriadieguez-2023-09-22

A organización Igaxes de infancia e xuventude vén de poñer en marcha un plan de formación para dar resposta á alta demanda de persoas traballadoras no sector da hostalería no Barco de Valdeorras.

«Detectamos que un gran número das ofertas de traballo dispoñibles na comarca de Valdeorras estaban relacionadas coa hostalería», sinala Nuria Diéguez, coordinadora de Igaxes no Barco, «e por iso pensamos que dotar ás nosas mozas e mozos dunha formación ad hoc era a resposta máis beneficiosa para ambas partes».

A formación, que reciben desde o pasado 4 de marzo no Centro de Formación CIX do Barco, está destinada a mozas e mozos en situación de vulnerabilidade, facilitándolles unha formación e experiencia imprescindibles para acceder a un posto de traballo. O curso consta dunha parte teórica e outra práctica a desenvolver ao longo de 40 horas. As prácticas poderán realizalas no Pazo do Castro, un hotel, restaurante e spa de longa traxectoria no Barco e que acolle todo tipo de eventos.

Esta colaboración con CIX e  Pazo do Castro é esencial para o traballo da ONG Igaxes. «Buscamos crear redes de participación, asociación e axuda mútua entre entidades sociais, empresas e veciñanza para favorecer a inclusión da mocidade vulnerable», comenta Diéguez.

Igaxes comezou a traballar no Barco de Valdeorras a comezos de 2022, logo de máis de 20 anos de experiencia nas principais cidades de Galicia, para prestar axuda a aquelas mozas e mozos en situación de vulnerabilidade que vivan ou queiran vivir en contornas non urbanas.

Traballan aspectos como a formación, a busca de vivenda e a inserción laboral, para dotar de ferramentas a esta mocidade no camiño á súa independencia. Con esta visión, contan tamén cunha sede en Monforte de Lemos.

Formación para os futuros hosteleiros do Barco de Valdeorras