sábado. 31.05.2025

«O godello é a variedade reina de Valdeorras. Sabémolo aquí e en todo o mundo»

Diego Fernández, adega O Cepado, fai balance sobre o atraso na vendima desta nova campaña e estima a produción que teñen prevista
somoscomarca_240601_obarco_feiradoviño_diegocepadon1028
Diego Fernández da adega O Cepado na Feira do Viño de Valdeorras

A época da vendima xa se atopa ás portas de todos os adegueiros da comarca de Valdeorras. Entre eles atópase Diego Fernández da adega O Cepado. Segundo comunicaban dende a Denominación de Orixe de Valdeorras, a colleita verase atrasada unha semana respecto ao ano pasado. 

Con este motivo dende Somos Comarca puxémonos en contacto con Diego para así coñecer de primeira man a situación do viñedo da cooperativa. El mesmo explica que este «é un tema xeral. Será unha semana ou 10 días».

Dende a súa adega atópanse durante estes días realizando mostraxes en diferentes viñedos. Este traballo trátase dunha recollida de maneira manual e aleatoria de vagos polas diferentes viñas. Vendo os resultados, Diego, estima que a colleita comece «sobre a primeira semana de setembro». 

Esta campaña viuse afectada por cambios de temperatura bruscos e moita choiva, «tivemos que estar moi atentas aos tratamentos». Superada con éxito esta etapa «prevese unha colleita abundante e de calidade». 

Unha das diferencias que reflexa Diego entre o ano anterior e este é a cantidade de mosto que se atopa nas uvas, «este ano penso que estamos nunha mellor situación». Destacar que a colleita media que realizan dende a adega é de «arredor de 30.000 quilogramos».

Os premios aos seus viños

Diego destaca tres recoñecementos importantes que tiveron durante estes oito meses do ano. O máis recente é o recibido nos Premios Vinduero-Vindouro. En concreto foron recoñecidos, con unha medalla de outro cada un, o Cepado Godello 2023 e Cepado Finca A Devesa 2022. 

Por outra banda, nos Premios Baco tamén se fixeron co segundo posto, por segundo ano consecutivo, co Cepado Godello 2023. «Isto no é fácil», comenta. 

A viña é un traballo de todo o ano

O coidado dunha viña ten que ser «diario». É necesario que todos os días se faga un recoñecemento da parcela. No caso de Diego, o piar é «o meu pai, Manuel, é o que está ao pe do canón sempre. É un seguro de vida, por así dicilo, é o que está ao 100%».

Os próximos proxectos da adega O Cepado

De cara ao 2025 dende a adega o Cepado poderán avanzar máis sobre novos proxectos. De momento, «hai cousas que están en estudo». Unha das características desta cooperativa é que «nos gusta probar novas cousas, iso si, coa variedade de godello». 

A pesar de estas probas, queren seguir apostando polas referencias que xa teñen no seu catálogo «sen deixar de lado a calidade e o nivel». Así mesmo, se teñen unha oportunidade de innovar e que «sexa agradable para a xente» vano intentar. 

Como xa se ten dito en moitas ocasións, «o godello é a variedade reina de Valdeorras. Sabémolo aquí e en todo o mundo». Pero Diego non se quere esquecer das apostas tintas. «Os viños tintos galegos e de Valdeorras están a ter un incremento de consumo». Asegurando así que os consumidores buscan «viños frescos e Valdeorras tenos».

«O godello é a variedade reina de Valdeorras. Sabémolo aquí e en todo o mundo»