martes. 01.07.2025

Tres distincións para o deporte valdeorrés entre as 99 que concede a Xunta ao mérito deportivo

Atletismo, piragüismo e baloncesto, entre as disciplinas premiadas, con recoñecementos para a Milla Urbana de O Barco, Beatriz Valcarce Arias e José Luis Gómez ‘Victoria’
deporte medallas

A Milla Urbana do Barco, a piragüista olímpica Beatriz Valcarce e o presidente e adestrador do Club de Baloncesto do Barco, José Luis Gómez, están entre os galardoados deste ano coa máxima condecoración do deporte a nivel autonómico.

A Milla Urbana do Barco, a terceira máis antiga de España, comezou no ano 1987 e, desde entón, celebrouse de forma ininterrompida, salvo nos dous anos de pandemia. Este ano cumprirá a súa trixésimo sétima edición, que non sería posible sen o seu artífice, o presidente do Club de Atletismo Adas Barco, Tinín González, e o Concello do Barco.

José Luis Gómez 'Victoria' leva máis de 40 anos dedicado en corpo e alma ao baloncesto. En maio do pasado ano, a Asociación Casino do Barco concedíalle o galardón de «Barquense do Ano» polo seu papel como referente do baloncesto na comarca e fóra dela.

Pola súa banda, Beatriz Valcarce, deportista adicada ao piragüismo, participou nos Xogos Olímpicos de Atlanta 1996. En declaracións a Somos Comarca, subliñaba que aquela experiencia foi «un obxectivo que vai medrando co tempo»

A Xunta entregará as distincións ao mérito deportivo de Galicia correspondentes ao ano 2024 o vindeiro mércores, 26 de marzo, nun acto que se celebrará no Teatro Principal de Ourense. O Diario Oficial de Galicia publicará o 24 de marzo a relación das 99 persoas físicas ou xurídicas, entidades ou organismos que recibirán nesta ocasión a máxima condecoración do deporte autonómico.

Premiados da provincia de Ourense

Alejandro Fernández Rivera, Támara Echegoyen Domínguez, Luis Rodríguez Vaz, José María ‘Chema’ Royo Sanz, David Monreal Izquierdo, José Antonio ‘Sony’ Vázquez Vázquez, Carlos Rodríguez Diéguez, Vicente Álvarez Núñez, Alfonso Vilachá Rodríguez, Adolfo ‘Fito’ López Arribas, Marisa Acevedo Rego, José Luis ‘Victoria’ Gómez Álvarez, Beatriz Valcarce Arias, Daniel Pérez Morales, Miguel Ángel ‘Fosi’ Álvarez Vázquez, Plácido Díaz Fernández, Olalla Piñeiro Mosquera, Rebeca Piñeiro Mosquera, Paula Carballido Romero, Constantino Prieto Salgado, Club Deportivo Ourense 1967/1968 e Milla urbana O Barco de Valdeorras.

Tamén, Torres Castiñeira, Telmo Silva Alonso, Elena Fernández Rodríguez, Julio Ventín Rivas, Marta Felpeto Lamas, Guadalupe Murillo Solís, María de los Ángeles ‘Marián’ Mouriño Terrazo, Vanessa Veiga Comesaña, Sonia Molanes Costa, Joaquina Costa Iglesias, Susana Garabatos Rodríguez, Alba Caride Costas, Xeración anos 70-80 Celta baloncesto e Club Deportivo Valladares.

Máis de medio milleiro de recoñecidos

A entrega das Distincións ao Mérito Deportivo de Galicia reactivouse en 2022, tras os anos de pandemia, cunha gala celebrada en Santiago de Compostela na que se entregaron 106 condecoracións. O ano pasado foron 109, nesta ocasión en Ferrol. En total, as persoas e entidades recoñecidas suman xa máis de medio milleiro.

Estas distincións foron creadas en 2010 e concédense anualmente logo de proposta motivada do xurado cualificador. O seu obxectivo é recoñecer a traxectoria notoria e exemplar no ámbito deportivo de Galicia de persoas físicas ou xurídicas, entidades ou organismos que estean contribuíndo ou contribuísen ao crecemento, promoción, fomento e excelencia do deporte e da educación física na comunidade autónoma.

Tres distincións para o deporte valdeorrés entre as 99 que concede a Xunta ao mérito...