
O pasado 26 de xullo celebrouse a inauguración dos Xogos Olímpicos en París. Nesta nova edición destacan moitas cousas, entre elas a que están sendo os primeiros en lograr a paridade de xénero plena. Con motivo desta celebración os valdeorreses recordan aqueles veciños que unha vez cumpriron o soño vivir esta experiencia en primeira persoa.
No ano 2008 foi Pablo Israel Rodríguez quen acudía como auxiliar e técnico de tríatlon co equipo de Siria. Pero antes de que el acudise a Pekín, Beatriz Valcarce viaxaba a Atlanta no 1996 co equipo de piragüismo.
«É un obxectivo que vai medrando co tempo», así é como o recorda a deportista. Para poder cumprir este soño tivo que estar «revalidando» as posicións en cada unha das competicións, «non está a praza gardada e cando te das de conta xa estás nos Xogos Olímpicos».
Unha das primeiras localizacións que visitou ao chegar a Atlanta foi a Vila Olímpica. De feito, os deportes que se realizan en ambientes cambiantes, como pode ser o piragüismo, «vamos sempre antes, nos fomos cun mes de antelación».
A Vila era «enorme, como unha cidade», comenta Bea con ilusión. Recorda que estaba distribuída por cores, «a nosa era vermella». Para moverse había a opción de facelo mediante un tren eléctrico.
Unha das anécdotas que recorda está centrada no correo electrónico —naquela época non había este método de comunicación en España—. «Alí tiñamos un interno, para nos era como escribirnos cartas e faciámolo en formato poesía».
Outra das situacións que recorda con moito cariño é que «ninguén recorda o himno de ese ano». A canción que predominou durante toda a celebración foi "Macarena", «estaba sempre soando na cidade Olímpica».