
A pasada madrugada os ventos sopraron forte nas comarcas por mor dunha fronte activa asociada a unha borrasca profunda que «no seu día foi un furacán».
«Nesta ocasión os refachos tamén afectaron o val do Sil. Normalmente un val ben protexido dos ventos. Pero a fronte de onte foi bastante activa xa que estaba asociada a unha profunda borrasca que no seu día foi un furacán. De todos xeitos nestas latitudes convértense en borrascas tropicais, borrascas profundas, e a súa fronte foi a que atravesou a comarca na noite do luns ao martes», informan desde MeteoGalicia.

Nas montañas hai que destacar os 88 km/H, na Serra do Eixe. Tamén os 114 km/hora en Lardeira (Carballeda de Valdeorras). No val do Sil os refachos oscilaron entre os 40 e 50 Kms/hora, «non é moito pero en poucas ocasións sopra forte neste val», subliñan desde o organismo galego de predicións.
Durante as próximas horas ventos frouxos, remiten as precipitacións que non se desbotan por completo, pero a posibilidade de chuvia e baixa até a madrugada do mércores cando poden caer algunhas chuvias ocasionais.

Desde a mediodía do mércores desaparecen as chuvias até o final do domingo, se se cumpren os pronósticos a medio prazo.
Respecto ás temperaturas, hai que destacar que os valores son altos para esta época do ano. Onte acadábanse 16º e «na vindeira madrugada tampouco vai frío, quedarase por riba dos 10º».

Trives rexistrou as chuvias máis intensas con máis de 30 L/M2 en momentos puntuais, mentres que en Valdeorras destacar os 10 L/M2. no Barco.

Prediccións para as vindeiras horas
«Agárdase a curto prazo unha alternancia de ceos con nubes e claros con momentos pouco anubrados ou despexados. Haberá precipitacións o martes. En canto ás temperaturas, serán altas para as mínimas e normais para as máximas respeto ó agardado para este período, con mínimas que descenderán moderadamente e máximas que ascenderán lixeiramente. Vento forte do Sur o martes pola mañá.», segundo se reflicte na páxina de Meteogalicia.

«No referido á calidade do aire, prevese que mellore dun grao favorable a un grao bo. O sábado Galicia continuará con influencia anticiclónica, con ascenso das temperaturas máximas».
«A partir do domingo perderase a influencia anticiclónica polo que o tempo será máis cambiante coa chegada a Galicia de sucesivas frontes».