sábado. 31.05.2025

A entrega de premios da Cata dos viños de Valdeorras contou ca presencia de José González

O titular de Medio Rural destacou a consolidación dos viños da DO Valdeorras no mercado nacional e internacional e puxo en valor a estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia

 

galaentregadepremios_catadeviño_feiradoviño (9)
A entrega de premios da Cata dos viños de Valdeorras contou ca presencia de José González

O conselleiro do Medio Rural, José González, asistiu hoxe á entrega de premios das XXIII Catas dos viños de Valdeorras, onde reivindicou o rol que teñen estes produtos distinguidos con denominación de orixe na economía local e autonómica, así coma o seu gran valor cultural e turístico.

Neste senso, o titular de Medio Rural destacou a consolidación dos viños da DO Valdeorras no mercado nacional e internacional grazas á súa calidade. E, para seguir promocionando e potenciando as particularidades destes produtos, José González fixo fincapé na Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia.

galaentregadepremios_catadeviño_feiradoviño (24)
José González, no centro da imaxe, cos premiados

Así, o conselleiro subliñou que a Xunta está inmersa nesta estratexia para consolidar o sector do viño de Galicia e convertelo nun referente do enoturismo. Para iso, salientou que é preciso xerar valor nas comarcas vitivinícolas de xeito sustentable, co fin de mellorar a rendibilidade e a sustentabilidade das explotacións vitícolas e da oferta complementaria que xeran estas áreas produtivas.

Desta forma, sinalou González, a potenciación das producións agroalimentarias e nomeadamente as acollidas aos diferentes indicativos de calidade como son os viños de Valdeorras, axudan a crear unha imaxe positiva de Galicia que repercute de xeito favorable en toda a economía do medio rural galego e, por extensión, do conxunto da comunidade autónoma.

galaentregadepremios_cataoficial_feiradoviño (3)
Patricia Lamela, José González, Eladio Santos, Miguel Bautista e Aurentio Alonso

Precisamente, para seguir consolidando os produtos de calidade, a Xunta acaba de poñer en marcha o mercado dixital dos produtos galegos de calidade, un portal que garante as mellores prácticas e fomenta un consumo de proximidade e de calidade, matizou o conselleiro.

Así, desde este portal -dedicado ás 36 experiencias de calidade galegas- poténciase o circuíto curto a través dunha plataforma loxística innovadora onde se poden comprar xa, dende calquera punto de España, os viños, augardentes, licores tradicionais, queixos e meles premiados nas Catas de Galicia 2021, aínda que de xeito paulatino se irán incluíndo tamén o resto de produtos con distintivo de calidade.

galaentregadepremios_catadeviño_feiradoviño (22)
Entregando o primeiro premio da cata de brancos a Senén Guitián

Desta forma, sinalou o conselleiro, contribúese á promoción dos produtos galegos de calidade e contribúese, dun xeito directo, á competitividade dos produtores locais, posto que son eles mesmos os que fixan os prezos das súas producións e os que reciben integramente a cantidade que se paga por cada unha.

DO Valdeorras

Durante a súa intervención, o conselleiro felicitou o gran traballo dos máis de 1.000 viticultores e 43 industrias que conforman a denominación de orixe Valdeorras, a cal aumentou un 28% a súa última colleita con respecto ao ano anterior e facturou máis de 22,7 millóns de euros.

Unhas cifras, matizou o conselleiro, que dan mostra do potencial desta zona. Amais, José González destacou que, este ano, os viticultores desta denominación -ao igual que o resto das catro DO- poderanse beneficiar da simplificación tecnolóxica impulsada pola Xunta para declarar a colleita de uva, ofrecendo a vía electrónica e a intermediación dos consellos reguladores en lugar dos trámites nas oficinas agrarias comarcais.  

Por último, o conselleiro felicitou aos gañadores deste certame e tamén aos premiados nas últimas Catas de Galicia 2022, onde a bodega A Coroa, S.A.T. se alzou co acio de ouro en viños brancos por “A Coroa” e Santa Marta Bodegas, S.A.T. co acio de ouro en viños tintos por “Viñaredo”.

A entrega de premios da Cata dos viños de Valdeorras contou ca presencia de José González