viernes. 19.04.2024
somoscomarca_seadur_incendio_2022 (6)

A Consellería do Medio Rural informa de que o lume rexistrado no concello ourensán de Vilariño de Conso, parroquia de Pradoalbar, está estabilizado desde as 16.33 h. desta tarde.

O lume iniciárase onte ás 20,08 h. e segundo as últimas estimacións afecta unha superficie dunhas 10 hectáreas dentro do parque natural do Invernadoiro. No lugar levan traballando no seu control 4 axentes, 8 brigadas, 1 motobomba, 3 helicópteros e 2 avións.

O lume rexistrado na zona do Alto do Viso, concello de Larouco, quedou extinguido ás 12.55 h. de hoxe, tras comezar ás 7,26 h. do xoves. Segundo medicións realizadas, a superficie afectada foi de 146,42 hectáreas, das cales 70 foron arboradas e o resto de monte raso. Na súa extinción participaron 21 axentes, 38 brigadas, 27 motobombas, 2 pas, 2 unidade técnicas de apoio, 5 helicópteros e 2 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Extinguidos os dous lumes de Larouco e estabilizado o de  Vilariño de Conso