
Tras o descanso polo verán regresan os plenos á Deputación de Ourense este venres, 27 de setembro, ás 10:00h. Nesta ocasión o Grupo Provincial Socialista presentará dúas mocións. A maiores, un dos puntos dentro da orde do día leva como protagonista o cambio de titularidade a prol do Concello de Vilamartín de Valdeorras dun treito da estrada OU-0807 de San Vicente de Leira.
«Creo que todos coñecen a situación, son moitos anos», asegura Aurentino Alonso, deputado provincial por Valdeorras. Sería unha maneira de axudar a entrada de vehículos de emerxencia. De feito, «esta é a petición dos veciños ao alcalde». Aínda que, isto «non impide que se siga reivindicando a construción» do tramo final. O que solicita o deputado é buscar unha solución «teña as condicións dunha estrada da Deputación, non vale unha corredoira».
Foi nun pleno extraordinario celebrado o pasado 3 de setembro cando se acordou esta solicitude. O propio alcalde, Enrique Álvarez, recoñecía que con este plan «nos estamos arriscando». O primeiro edil explicaba que «no caso de que se aprobe no pleno da Deputación», posteriormente haberá que trasladarllo á Xunta de Galicia. Unha vez chegue a este organismo, deberase publicar no DOG e esperar a exposición pública.
As mocións por parte do PSOE
Dende o Grupo Provincial Socialista presentarán dúas mocións. Unha delas céntrase na «contribución» ao mantemento e mellora do servizo de axuda no fogar prestado polos concellos ourensáns.
A proposta de acordo abarca tres puntos diferentes, tal e como anuncia Alonso. No primeiro queren que dende a Deputación «instemos á Xunta de Galicia a que revise esa dotación orzamentaria». Segundo explica o deputado provincial, dende a entidade achegan «12 euros por hora, pero os concellos están en 20».
Engade así que, en moitas ocasións, hai algúns que planean «sacar a concurso este servizo en 24 euros». Sumado a esta solicitude, tamén se pedirán máis recursos para os equipos de dependencia. «Hai xente que espera anos, eu falo con coñecemento de causa porque o teño na familia».
A enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) centra a segunda moción presentada polos socialistas. «Estamos sufrindo unha situación moi grave», subliña Alonso. De feito, as 14 comarcas ourensás nas que hai a nivel sanitario gandeiro «case» están todas afectadas, tal e como informaba Isabel Villalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, a este medio.
Co foco nesta problemática a proposta de acordo centrase en «demandar» da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia a «inmediata» posta en marcha dun completo plan de axudas dirixidas ás explotacións afectadas.
A maiores pediráselle a Deputación «a posta en marcha dun programa de cooperación dirixido ao sector». O principal obxectivo é «garantir a súa estabilidade mentres non se activen os subsidios autonómicos e estatais».